O Concello de Culleredo estrea este sábado, 16 de xuño, a súa I Xuntanza Veciñal. Consistirá nunha xornada que combinará a degustación gastronómica de sardiñas cun Festival Folk que xuntará grupos de primeiro nivel como Os Cempés.
O Concello organiza o sábado 16 de xuño, en Acea de Ama, a I Xuntanza Veciñal, un evento que reunirá opcións para todos os públicos, con 800 quilos de sardiñas e o Festival Folk que encabeza Os Cempés. Os prezos serán anticrise con racións de sardiñas e bebida por 2 euros e as cañas e refrescos a un euro.
O IV Encontro de Coches Clásicos, Históricos e Deportivos abarrotou O Burgo o pasado fin de semana. Centos de persoas achegáronse o sábado e o domingo ao recinto multiusos do paseo marítimo para gozar da cita organizada polo Concello de Culleredo, coa colaboración do Automóbil Club de Culleredo.
O recinto multiusos do paseo marítimo do Burgo prepárase para recibir este fin de semana por centos de visitantes. O Concello de Culleredo, coa colaboración do Automóbil Club de Culleredo, organiza o IV Encontro de Coches Clásicos, Históricos e Deportivos que reunirá a un centenar de modelos e permitirá gozar das peripecias dos pilotos.
O centro comercial Coruña The Style Outlets, ubicado en Alvedro, conta desde os últimos días cun expositor con información turística do Concello. O edil de Dinamización Local, Isidro Taibo, considera que os clientes do outlet, procedentes de toda Galicia, son visitantes potenciais de Culleredo e por iso apostou por ofrecer alí información turística.
A I Festa do Cocido, celebrada no Burgo, finalizou cun éxito rotundo de público, con máis de 30.000 persoas que asistiron, o que a converteu no centro do Entroido da comarca. Pola súa banda, o Concello aforrou 6.700 euros grazas ao evento.
O recinto multiusos do Burgo acolle a I Festa do Cocido, cinco xornadas onde a gastronomía, a música, a animación, e tamén a solidariedade serán protagonistas. A carpa ten 2.500 metros cadrados de superficie, aos que hai sumar outros 600 onde se situarán as cociñas, os servizos ou o recinto de animación infantil. Na carpa principal estarán instaladas 200 mesas onde caberán unhas 1.600 persoas.
Debido á baixa demanda rexistrada en outono, e coa finalidade de reducir gastos, o Concello limitará o servizo de aluguer de bicicletas ao período comprendido entre o 15 de abrirl e o 15 de outubro, cando se produciron un maior número de préstamos.
As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente comezarán o seu percorrido polas rúas de Culleredo ás 17.30 horas do vindeiro 5 de xaneiro. Partindo do recinto multiusos do paseo marítimo do Burgo, pasarán por Fonteculler, As Brañas, O Portádego, A Corveira, Vilaboa e Acea de Ama para acabar na praza de Europa.
Na zona rural, os Reis visitarán os centros sociais de Culleredo, Orro, Ledoño, Sueiro, Sésamo e Celas.