O Concello de Culleredo adxudica o servizo de limpeza viaria por 1,45 millóns anuais

O Concello de Culleredo contrata o novo servizo de limpeza viaria para a totalidade do termo municipal. A prestación configúrase co obxectivo de “atender ao 100% as necesidades de limpeza viaria de Culleredo, garantindo os estándares de calidade ambiental e salubridade pública, buscando a máxima eficiencia organizativa, e priorizando o uso de enerxías limpas”, explica o alcalde, José Ramón Rioboo.
 
A adxudicación prodúcese por 1.455.633,67 euros polo período dun ano á UTE Valoriza Servicios Medioambientales, S.A. – Hallkuss Corporation, S.L. Trátase dun servizo que precederá a unha prestación xa con unha duración máis longa, de 10 anos, en cuxos pregos e condicións traballan os servizos técnicos municipais.
 
O contrato adxudicado abarca unha estratexia integral de intervención que combina o varrido manual e mecánico, o baldeo de auga a presión, a retirada de follas, o control de vexetación espontánea e a atención especial en feiróns, festas e eventos públicos. Para optimizar os recursos e responder ás dinámicas específicas de cada área do municipio, a prestación do servizo zonificouse en cinco niveis diferenciados de intensidade, tendo en conta factores como a concorrencia de viandantes ou a existencia de zonas comerciais.
 
Co propósito de reducir ao mínimo as emisións contaminantes e o impacto acústico nas rúas, o Concello exixiu que a totalidade dos vehículos e a maquinaria pesada fosen eléctricos ou dispuxesen da etiqueta ambiental ECO. Entre os medios materiais adscritos en exclusividade ao municipio figuran tres varredoras mecánicas de grande capacidade, un camión baldeador con cisterna mínima de 7.000 litros, unha máquina decapadora de beirarrúas, tres equipos de hidrolavado a presión, furgóns, sopradoiras ergonómicas e rozadoras manuales.
 
Ademais, incorpórase como novidade unha bicicleta eléctrica de tipo triciclo para realizar repasos áxiles e sostibles en zonas peonís ou de difícil acceso. En canto ao equipo humano, o persoal estará constituído por polo menos 19 profesionais.
 
O novo contrato vai máis alá do varrido habitual e integra actuacións clave para a conservación do espazo público, tales como o esparexemento manual e mecánico de sal en épocas de xeadas, a eliminación de grafitis en fachadas e mobiliario, a retirada inmediata de verteduras incontroladas e a recollida de animais mortos nun prazo inferior a 24 horas. Así mesmo, a empresa asumirá o lavado periódico e o mantemento integral da rede municipal de papeleiras.
 
Para garantir unha canle fluída coa cidadanía, a adxudicataria habilitará unha vía de atención por teléfono, web e correo electrónico, mantendo un rexistro oficial de incidencias e ofrecendo a obrigación legal de dar resposta motivada e por escrito a calquera queixa ou petición veciñal nun prazo máximo de 7 días naturais.

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina