O Concello de Culleredo axudará á veciñanza a preparar as competencias clave, necesarias para acceder aos certificados profesionais de nivel 2. O Servizo de Dinamización, Formación e Emprego organiza cursos de apoio para superar estas probas, dentro do compromiso do goberno municipal coa formación e o emprego local.
A iniciativa, que tivo unha grande acollida en anos anteriores, diríxese a quen carece dos requisitos académicos necesarios para obter estes certificados. Trátase dunha situación na que se atopa un número significativo das persoas desempregadas e demandantes de formación do municipio.
A alternativa para acceder a eles é superar as probas de competencias clave que organiza a Administración. Con este obxectivo, o Concello pon en marcha dous cursos para preparar ás persoas participantes de cara aos exames, que abren novas oportunidades no mercado laboral.
Cada curso durará 40 horas e contará con 15 prazas. Para apuntarse, é necesario ter máis de 16 anos (ou telos cumpridos antes do 31 de decembro), carecer de formación regrada igual ou superior á ESO, 2º de BUP, FP I ou equivalente e non ter superadas as competencias clave de nivel 2 de lingua galega, española e matemáticas.
Ademais, terán preferencia as persoas empadroadas en Culleredo que estean en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, así como aquelas que presentasen a solicitude para participar nas probas de competencias clave convocadas pola Xunta para este ano.
A preinscrición poderá efectuarse do 16 ao 20 de marzo a través desta páxina web. As listas de persoas admitidas poderán consultarse no taboleiro do Centro Municipal Pablo Picasso ou no teléfono 981 66 42 04. Para máis información sobre os cursos pódese contactar neste mesmo número.