O Concello de Culleredo presenta a súa campaña polo 25N co lema “O silencio tamén mata”

O Concello de Culleredo presenta a súa campaña de sensibilización con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co obxectivo de fomentar a concienciación, a reflexión e o compromiso de toda a cidadanía fronte ás violencias machistas. Ao longo do mes de novembro desenvolveranse propostas culturais, formativas e de concienciación, abertas a distintos públicos.

Consulta o programa completo no díptico

O lema escollido para a campaña deste ano é “O silencio tamén mata”. A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, sinala que con esta frase se busca “loitar contra o negacionismo fronte a unha violencia que non podemos calar porque segue cobrando a vida de moitas mulleres”. A edila avanza que se programaron numerosos actos para todas as idades porque a loita contra as violencias machistas “comeza desde a base e debe ser o máis global posible”.

A programación comezará o venres 7 de novembro, coa representación teatral ‘Punto en boca’, a cargo de Raquel G. Crespo, que forma parte do VIII Ciclo Elas son artistas. A función terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio do edificio de Servizos Múltiples de O Burgo e contará con entrada de balde con reserva previa.

O martes 11 de novembro, Culleredo acollerá o encontro ‘Visita ao Norte. A voz resiliente das mulleres palestinas’, coa participación de Hanan Kaoud, concelleira de Ramala e experta en xénero. O acto, promovido co Fondo Galego de Cooperación, celebrarase ás 12:00 horas na Casa do Concello e estará aberto a toda a poboación.

A mocidade adolescente será destinataria dunha acción formativa da Garda Civil e do Concello para a prevención da violencia de xénero. Será os días 12 e 17 de novembro no IES Rego de Trabe, dirixida ao seu alumnado de ESO e Bacharelato. Estará a cargo de Fernando Jiménez, director do Plan Director da Garda Civil, e de Sara Fernández, educadora social municipal.

O luns 17 presentarase o ‘Informe Migradas: reparación das violencias de xénero’, elaborado polo Movemento pola Paz. O acto de presentación celebrarase ás 10:00 horas na Sala Municipal Celia e Esperanza Brañas Fernández.

Tamén o día 17, o auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo volverá ser escenario dunha nova proposta con ‘Cruza sen mirar’, un talk show a cargo da compañía Tarabela Creativa, co que conclúe o proxecto realizado nos últimos meses no municipio cullerdense. A función comezará ás 19:00 horas e contará con entrada de balde, aínda que non está recomendada para menores de 12 anos.

O venres 21 de novembro, o humor tamén se porá ao servizo da igualdade co monólogo ‘Eran elas!’, interpretado por Avelino González. A cita será ás 20:30 horas no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, con entrada gratuíta previa reserva esa mesma semana.

O martes 25, o alumnado do Centro Residencial Docente de Culleredo participará nunha charla formativa sobre o consentimento, impartida polo Equipo SexPoint de CASCO da Coruña, dentro do programa VIHxía Rural. A sesión terá lugar ás 17:00 horas no centro.

Posteriormente, o mércores 26 de novembro, a programación continuará co espectáculo familiar ‘Rosa e Azul’, unha proposta de narración oral e obxectos a cargo da compañía Pérez&Fernández, formada por Victoria Pérez e Manu Fernández. A cita será ás 17:30 horas na Biblioteca Municipal Miguel González Garcés e está dirixida a un público familiar a partir dos 4 anos.

Manifesto e sensibilización

Con motivo do 25 de novembro, o Concello de Culleredo sumarase á lectura e difusión do Manifesto contra as violencias machistas en todas as actividades deportivas municipais, reafirmando o seu compromiso co deporte como ferramenta de igualdade e respecto.

A campaña terá o seu espazo en Radio Culleredo, con emisións especiais da sección ‘En clave social’. O día 20 ás 11:30 horas falará o sociólogo Lucas Lodeiros sobre a percepción do xénero entre a mocidade, mentres que o día 27 á mesma hora intervirá a directora do CIM de Culleredo, Fátima Uzal, centrando a súa intervención nas vítimas.

Ademais, durante todo o mes de novembro desenvolverase unha campaña audiovisual especial nas redes de Xuventude Culleredo, coa creación e difusión de pezas breves nos diferentes perfís da institución sobre temas como os micromachismos, as relacións tóxicas, a ruptura de estereotipos e o significado do propio 25N.

Vista previaAdxuntoTamaño
diptico-25n-culleredo-25.pdf140.18 KB

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina