O Concello de Culleredo lanza un ambicioso plan de formación destinado preferentemente a desempregados e rexistrados no Servizo Público de Emprego con varios cursos que terán 90 prazas e que darán comezo durante o mes de novembro. 
 
Segundo, o alcalde, José Ramón Rioboo, trátase dun novo impulso destinado á creación de emprego cunha serie de accións formativas en diversas disciplinas que, espera, axuden a capacitar aos cullerdenses para a súa inserción laboral.
 
De feito, os cursos ofertados abarcan desde hostalería, limpeza industrial, manipulación de alimentos, prevención no ámbito sociosanitario, manipulación de cargas ou fomento do emprendemento. Todas estas accións formativas impartiranse no centro Pablo Picasso e os interesados poderán inscribirse do 27 ao 31 de outubro directamente desde a páxina web municipal.
 
HOSTALERÍA
 
No ámbito da hostalería o Concello convoca un curso de “Tapas e Petiscos”, dunha duración de 20 horas. Terá 10 prazas e pretende capacitar ás persoas para o desempeño cualificado nun local hostaleiro como na preelaboración de tapas e petiscos, a seguridade e hixiene na elaboración de tapas, a confección de escandallos.
 
Doutra banda, convocarase outro curso neste eido sobre Manipulación de Alimentos, dotado de 20 prazas e de catro horas de duración, que abordará temas como a calidade alimentaria, a alteración dos alimentos ou a manipulación hixiénica dos mesmos.
 
FOMENTO DO EMPRENDEMENTO
 
En canto ao campo do emprendemento impartiranse dous cursos formativos “Activa a túa idea. Introdución ao emprendemento” e “Fomento 4.0”, de catro horas de duración e cunha decena de prazas cada un deles. Neles abordaranse as claves dunha idea empresarial viable, exercicios para identificar oportunidades e necesidades reais, ou a introdución a un modelo de negocio. Doutra banda, analizaranse casos reais de emprendemento local ou o que significa un negocio dixital con exemplos reais e modelos simples.
 
PERFECCIONAMENTO NA O ÁMBITO SOCIOSANITARIO
 
Doutra banda, o Servizo de Dinamización, Formación e Emprego da área de Dinamización Social de Culleredo, prevé impartir dous cursos no campo sociosanitario. O curso, denominado “Danos na pel. Prevención de úlceras por presión e lesións cutáneas por humidade”, terá unha duración de 20 horas e estará dotado dunha decena de prazas. E, por outra banda, o curso “Convivir coa enfermidade do Alzheimer” terá a mesma duración (20 horas) e tamén dez prazas formativas. 
 
Con respecto ao primeiro deles, os rexistrados abordarán temas como a caracterización de úlceras por presión, lesións da pel derivadas de humidades ou dermatites. En canto ao segundo curso, formaranse na Introdución á enfermidade de Alzheimer, os factores de marcadores de risco, a etiopatogenia e as fases clínicas desta patoloxía.
 
 
FORMACION LABORAL
 
Ademais dos cursos anteriores, a oferta formativa complétase con dous cursos de inserción laboral: Manipulación de cargas con carreta elevadora (20 horas e 10 prazas) e de Operario de Limpeza Industrial (50 horas e 10 prazas).