Un ano máis, o Concello de Culleredo aposta por concienciar a veciños e veciñas do hábito de coidar a saúde física e mental a través do exercicio ao aire libre, presentando para iso a programación da súa ‘Verán Movidiño’. Este programa propón unha serie de iniciativas para as persoas adultas do municipio coas que se busca enganchar á xente á actividade física e deportiva.
O plan inclúe un conxunto de actividades dirixidas por profesionais ao aire libre desde o 2 de xullo ao 26 de setembro, con acceso totalmente gratuíto para favorecer a asistencia. Serán tanto na zona urbana como na rural.
Os luns serán na praza das Brañas de Fonteculler, de 10:30 a 11:30 horas, e no parque da Torre de Celas, de 12:00 a 13:00 horas. Os mércores tocaralles ás parroquias de Tarrío, no Centro Social O Noso Lar de 10:00 a 11:00 horas, e Sueiro, no Centro Social de 11:30 a 12:30 horas. Xa para terminar, os venres serán no parque Biosaudable do Burgo, de 10:30 a 11:30 horas, e no Parque de Vila Melania de Vilaboa, en horario de 12:00 a 13:00 horas.
Os obxectivos que se traballan durante as sesións van dirixidos a xerar patróns de movementos saudables, aplicables á vida cotiá, e a poñer en práctica exercicios básicos que hai que ter en conta á hora de facer exercicio, como estiramentos, relaxación etc. Tamén se encamiñan a coñecer distintas disciplinas e alternativas de actividade física e fomentar a socialización.
Todas as sesións serán gratuítas e non será necesario realizar unha inscrición previa, abonda con que as persoas interesadas estean nos lugares sinalados uns minutos antes do inicio de cada actividade. Pódese obter información no centro de Servizos Sociais do Burgo, no 981 654 570, en Vila Melania no 981 650 077 ou en servizos.sociais@culleredo.es.