O alumnado do curso de operacións básicas de restaurante e bar finalizou a súa formación teórica cunha proba que superaron "cun sobresaliente". Así o confirmou o alcalde, José Ramón Rioboo, que asistiu xunto a hostaleiros de Culleredo, o concelleiro de Formación, Juan Carlos Lovelle, membros do goberno local e técnicos municipais á posta de longo dos 13 participantes na formación municipal.
A preparación dun cocktail foi o exercicio elixido para culminar as sesións formativas. Servírono no Centro Municipal de Formación e Emprego "Pablo Picasso", dotado dunha aula-bar que serve para que o alumnado adquira as diferentes habilidades na materia, todas tendentes a propiciar a súa inserción laboral.
"Estamos moi orgullosos polo esmero exquisito e a implicación absoluta que demostrastes en cada sesión do curso", subliñou Rioboo. O rexedor animou aos participantes a aproveitar agora a fase práctica en locais do municipio para gañar coñecementos e experiencia no sector e completar así a formación.
Rioboo agradeceu aos hostaleiros que acudisen a comprobar o traballo do alumnado. "Temos un tecido hosteleiro de primeiro nivel, un sector de desenvolvemento esencial para Culleredo", resaltou.
A formación, de máis de 300 horas, propicia a obtención do certificado de profesionalidade. O alumnado, persoas demandantes de emprego, logra así incrementar a súa capacitación para a inserción laboral, obxectivo final da iniciativa do Concello.
Rioboo anima aos veciños que estean interesados en formar parte do curso en futuras edicións a dirixirse ao centro Pablo Picasso. Alí os técnicos municipais ofrecen un servizo continuo de asesoramento e orientación laboral.