O Concello de Culleredo e NEINVER, unha das principais compañías inmobiliarias europeas que centra a súa actividade nas áreas de desenvolvemento, xestión de activos e fondos, asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de impulsar o emprego para o centro The Style Outlets que NEINVER inaugurará o próximo día 4 de maio. Mediante este convenio, que estará vixente durante toda a vida do centro, ambas as partes adquiren un compromiso de colaboración para levar a cabo os procesos de selección das futuras oportunidades de emprego que xurdan no outlet.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán de Diego, e o Country Manager de NEINVER España, Eduardo Ceballos, asinaron o convenio nun acto onde tamén estiveron presentes a concelleira de Formación e Emprego, Marta Igrexas Becerra, así como o Xerente de Coruña The Style Outlets, Javier Torralba. Tanto NEINVER como o Concello, resaltaron a súa boa relación e o interese común por contribuír á creación de emprego e riqueza económica no municipio.
O alcalde destacou a importancia deste acordo como exemplo de colaboración entre o sector público e privado que permite unha maior axilidade ás empresas para a contratación de traballadores, obxectivo prioritario de ambos, ademais de promocionar o emprego dentro do propio concello. "Froito do traballo realizado xa se están establecendo contratos cos mozos de Culleredo", apuntou.
Cunha área de influencia dun millón de persoas A Coruña é unha rexión estratéxica para NEINVER, xa que até o momento a compañía só contaba con centros na zona centro e sur do país. "Non cabe dúbida de que a apertura The Style Outlets supón un impulso para a economía da rexión e sentímonos orgullosos de xerar novas oportunidades de emprego na área de influencia do proxecto. O novo centro outlet suporá a creación de até 700 postos de traballo entre directos e indirectos polo que este convenio, convértese nunha ferramenta indispensable para os futuros candidatos", comentou Eduardo Ceballos, Country Manager de NEINVER España.
Sacristán e Ceballos resaltaron que a práctica totalidade dos novos empregados proceden da comarca, e moitos deles do propio municipio de Culleredo.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER