O Concello de Culleredo deu a coñecer aos dous gañadores do seu concurso "Booktrailer 2025", unha iniciativa posta en marcha pola área de Xuventude con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. O certame tiña como obxectivo promover a lectura e a creatividade audiovisual entre a mocidade cullerdense, así como achegar á cidadanía a obra literaria galega mediante a creación de vídeos inspirados en libros escritos por autores e autoras da nosa comunidade.
Baixo estas premisas, os e as participantes tiñan que preparar unha peza audiovisual curta que promocionase ou transmitise o espírito dunha obra literaria coma se dun tráiler de cinema se tratase. Para iso, podían utilizar calquera ferramenta ou técnica, como vídeos gravados con cámara ou móbil, animacións, stop-motion, sucesións de fotografías ou debuxos, collages audiovisuais ou clips xerados con intelixencia artificial.
De entre todos os traballos presentados, o primeiro premio, dotado dun cheque de 300 euros para material cultural ou tecnolóxico, foi para a peza
"A muller paxaro",
de Cristina Varela e Bruno Ramos. Trátase dun curto inspirado no poema homónimo da obra "Abertura sen heroe" de Yolanda López no que se reflicte a loita da liberade por sobrevivir á opresión, reivindicando a liberdade das mulleres. Nesta obra, a propia Yolanda López colaborou facendo a voz en off.
O segundo premio, dotado dun cheque de 150 euros, foi para
"O lapis do carpinteiro" de Adrián Gómez. Trátase dunha peza baseada no libro do mesmo título de Manuel Rivas e na que se fai un reflexo da obra orixinal, resumindo a súa esencia.
Ademais dos premios principais, entregáronse vales para libros a outras propostas destacadas que tamén lograron captar a esencia do certame, fomentando a creatividade e o amor pola literatura galega.
A tenente de alcalde e concelleira de Xuventude, Cristina Pardo, quixo agradecer a participación e o compromiso dos mozos, felicitando aos gañadores "polas súas grandes propostas, que son unha boa mostra de todo o talento que hai en Culleredo". Na mesma liña, a edila tamén quixo destacar a importancia que teñen "este tipo de iniciativas para achegar a literatura galega aos nosos veciños e veciñas, así como para fomentar o talento creativo".