Aínda que a construción do novo centro de saúde do Portádego é competencia da Xunta de Galicia, o Concello de Culleredo programou un importante investimento para a construción dun aparcadoiro, que dea servizo tanto á instalación sanitaria como aos veciños da zona, que verán incrementada a carga de tráfico.
O espazo consistirá nun aparcadoiro en superficie, con 70 prazas de estacionamento. Delas, tres estarán reservadas para urxencias, pegadas ao centro de saúde, e dúas para persoas con mobilidade reducida. Tamén haberá espazo de aparcadoiro para motos e para bicicletas.
O deseño do aparcadoiro pretende a súa integración coa contorna, e a súa superficie será de céspede armado. Contará con beirarrúas para garantir a mobilidade e plantaranse árbores de folla perenne para crear zonas con sombra.
O parking situarase no campo de fútbol 7 que está pegado ao centro de saúde, practicamente en desuso ao non ser empregado por ningún club deportivo. O Concello creará un novo parque multideporte próximo, na contorna da lagoa de Fonteculler.
O investimento no aparcadoiro será de 167.789,22 euros. Proceden do superávit logrado en 2015 polo goberno local, que pode dedicar a investimentos financieramente sustentables como este.
O prazo para optar á licitación comezará ao día seguinte da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, que é inminente. Unha vez formalizado o contrato, o prazo de execución das obras será de tres meses.