As obras de reforma urbana da parte baixa da avenida de Vilaboa entran na súa recta final coa pavimentación da calzada. O Concello de Culleredo emprenderá durante a vindeira semana os traballos en horario nocturno, para minimizar o impacto na circulación dunha das arterias principais do municipio.
Está previsto que o asfaltado se leve a cabo en 4 noites, desde o luns 23 ao venres 27 de novembro. En todos os casos o horario previsto é de 22:30 a 6:30 da mañá do día seguinte.
As obras de pavimentación acometeranse progresivamente en ambos os carrís, polo que o tráfico será regulado alternativamente con semáforos. A execución implicará unha restrición no acceso aos garaxes, que se irá normalizando segundo se vaia completando o asfaltado da zona de arriba cara a abaixo.
Cun investimento total de 798.210 euros, o Concello está a dar continuidade á modernización da avenida neste treito que abrangue o proxecto, entre a AP-9 e a rúa Luís Seoane. A renovación das beirarrúas, servizos e iluminación xa é visible nesta zona das obras.
O investimento total, sumando as fases anteriores da avenida de Vilaboa, aproxímase aos 3 millóns de euros. O núcleo está a ser obxecto dunha profunda modernización que inclúe outros proxectos como a mellora da rúa Domingo Serra, cuxa segunda fase xa está adxudicada.