Os nenos e nenas de Culleredo poderán ser paxes e acompañantes das Súas Maxestades de Oriente, os Reis Magos, na cabalgata que percorrerá o municipio o 5 de xaneiro de 2027. O Concello abrirá o próximo 23 de novembro a inscrición para participar como figurantes no desfile, con 50 prazas para menores de entre 8 e 10 anos a data de 1 de xaneiro de 2027.
As solicitudes poden presentarse desde as 9.00 horas do 23 de novembro ata as 00.00 horas do 2 de decembro a través da
sede electrónica do Concello. Hai que achegar o impreso de participación, dispoñible na web municipal. Débese presentar unha solicitude por cada menor, tamén no caso de irmáns e irmás.
A lista provisional de admitidos publicarase o 7 de decembro no taboleiro do Centro Municipal Pablo Picasso, e a definitiva, o 11 de decembro. Os nenos e nenas empadroados en Culleredo terán preferencia e, se hai máis solicitudes que prazas, as prazas repartiranse por sorteo.
O sorteo terá lugar o 15 de decembro ás 11:00 horas no Centro Municipal Pablo Picasso. Cada solicitude recibirá un número e, a partir do que saia no sorteo, asignaráselle a cada figurante a súa carroza, empezando polas tres reais e seguindo polas de animación. Unha vez feito o reparto, non se poderán facer cambios.
Despois do sorteo, as familias recibirán un correo electrónico co lugar, o día e a hora para recoller o vestiario. Ademais, crearase unha lista de espera para cubrir posibles baixas. Se algún figurante admitido non pode participar, deberá comunicalo canto antes ao correo turismo@culleredo.es.
Para máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co servizo de Dinamización Local no teléfono 981 664 204, ou ben consultar as bases e o formulario de inscrición aquí debaixo: