O paseo marítimo do Burgo foi o escenario da andaina solidaria con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, organizada por APEM e o Concello de Culleredo. A iniciativa buscou como obxectivo principal visibilizar a importancia do benestar psicolóxico baixo o lema deste ano: "Fai match na saúde mental".
A marcha partiu desde o Xardín Botánico tras a lectura dun manifesto conxunto para reclamar unha maior concienciación, empatía e recursos asistenciais para as persoas que conviven con este tipo de doenzas, así como para as súas familias. O acto contou coa presenza do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, xunto con concelleiros e concelleiras dos grupos do PP e BNG.
Na camiñada ao longo do paseo marítimo, unha ruta accesible para todas as idades que finalizou no mesmo lugar de partida, puidéronse ler en pancartas algunhas das reclamacións. "Menos estigma, máis comprensión", "Igualdade para a saúde mental" ou "Máis escoita, máis recursos" foron algunhas das proclamas.
O Concello reafirma o seu compromiso co tecido asociativo sociosanitario, promovendo espazos de convivencia que axuden a romper de forma definitiva o estigma social que aínda rodea á saúde mental.