O Concello de Culleredo pon en marcha unha nova edición do programa de Actividades Municipais Culturais e Deportivas, que no curso 2026/2027 volverá levar obradoiros e clases aos distintos núcleos do municipio. A iniciativa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, arrancará durante a primeira quincena de outubro.
O alcalde, José Ramón Rioboo, explicou que o programa é "unha aposta clara do goberno municipal por achegar a cultura e o deporte a todos os veciños e veciñas, en todas as parroquias e para todas as idades". O rexdor engadiu que a diversidade da oferta busca "que cada persoa atope unha actividade axeitada aos seus gustos e ao seu horario e, se pode ser, tamén preto da súa casa".
A oferta cultural para persoas adultas inclúe baile de salón, swing, óleo, labores de agulla e fío, artesanía galega, ‘patchwork', confección, guitarra, inglés, informática e ‘Conéctate’, un obradoiro para perder o medo aos móbiles e tabletas. Para os nenos e nenas inclúense unha actividade de deseño de videoxogos e os obradoiros de cociña CullerChef.
No apartado deportivo, as persoas adultas poderán apuntarse a propostas de adestramento funcional, ritmo zum fitness, pilates, ximnasia de mantemento, ioga, hipopresivos e solo pélvico ou marcha nórdica. Os máis pequenos teñen á súa disposición patinaxe, psicomotricidade e ximnasia rítmica.
O programa de actividades prevé a formación de máis dun centenar de grupos de participantes nas diversas actividades, que se desenvolverán en distintos puntos do Burgo, Almeiras, Fonteculler, Celas, Cordeda, Castro Laxe, Ledoño, Boedo, Bregua, Castelo, Tarrío, Orro, Sueiro, Sésamo e Vilaboa.
A preinscrición poderá realizarse do 3 ao 11 de setembro, en horario de 09:00 a 14:00 horas, de forma presencial no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, por correo electrónico a
escolasmunicipais@culleredo.es ou a través da Sede Electrónica municipal; nestes dous últimos casos, no mesmo prazo e horario que de forma presencial. Cada persoa poderá solicitar un máximo de dúas actividades, escollendo un solo grupo por actividade.
Nos grupos con máis solicitudes ca prazas celebrarase un sorteo o 18 de setembro, data na que tamén se publicarán as listas de persoas admitidas e de espera. O prazo de matrícula será do 21 ao 25 de setembro, e o 5 de outubro darase a coñecer a oferta de prazas vacantes, que poderán solicitarse a partir do 6 de outubro no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo.
MÁIS INFORMACIÓN E FICHAS DE PREINSCRICIÓN: