O Concello de Culleredo conmemorará o Día das Letras Galegas coa xa habitual Feira de Artesanía no Burgo, unha iniciativa que porá en valor a cultura galega e o traballo artesanal. Máis de 60 postos instalaranse na praza Europa do Burgo nunha xornada que incluirá tamén actuacións musicais.
O evento, organizado pola Concellería de Cultura, desenvolverase de 11:00 a 20:00 horas. Nel, diversos proxectos de artesanía exhibirán os seus produtos de elaboración propia. O Burgo converterase así nun punto de encontro arredor da orixinalidade, da calidade e do comercio de proximidade, con artigos feitos á man en materiais como coiro, madeira, vimbio ou vidro, entre outros.
A programación completarase con dúas actuacións. Ás 12:00 horas será a quenda da Asociación Cultural Catalmibre e, ás 17:00 horas, da Agrupación Folclórica Ancoradeira. Ambas as dúas poñerán o acento musical a esta cita de comercio, de renome dentro do sector da manufactura galega.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que a feira contribuirá a “poñer en valor o talento artesanal e reforzar a nosa identidade cultural”. Así mesmo, subliñou que “converterá O Burgo, unha vez máis, nun espazo no que tradición e creatividade se darán a man, especialmente nunha data tan sinalada para nós como o Día das Letras Galegas”.