O Concello de Culleredo presenta o seu programa para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A axenda, que abrangue todo o mes, contempla obradoiros, charlas e sesións de teatro e cine arredor da igualdade de xénero e das dificultades ás que aínda deben enfrontarse as mulleres.
A programación ten como lema “Fronte ao retroceso, dereitos, igualdade, empoderamento”. A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, explica que “nos últimos tempos dinamitouse o consenso social arredor da igualdade de xénero, como se ve na proliferación de discursos machistas e retrógrados, especialmente nas redes sociais”, polo que, sinala, “as mulleres atópanse nunha encrucillada para defender os seus dereitos e non se pode dar nin un paso atrás”.
O luns, 9 de marzo, a directora e psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM) de Culleredo, Fátima Uzal, ofrece unha charla sobre igualdade, desigualdade e recursos existentes.
A programación do Mes da Muller tamén abrangue obradoiros, como o de ‘Igualdade e Diversidade’, que terá lugar no Centro Ocupacional da Escada o mércores 11 de marzo. Será impartido por Susana López, pedagoga de actividades comunitarias do Concello, en colaboración coa artista local Lucía Valeiras. Haberá dúas sesións a partir das 10:00 horas.
O venres 13 de marzo será a quenda do teatro. A Compañía Berrobambán interpretará ‘Mulleres que viven soas’ no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. A función poñerase en escena ás 20:30 horas, e para asistir é necesario adquirir as entradas desde o luns 9 no teléfono 981 66 55 97, de 16:00 a 21:00 horas.
Continuando coas conferencias, o alumnado de 3º e 4º de Primaria do CEIP Sofía Casanova asistirá á charla ‘Mulleres de Culleredo que fan historia’, sobre mulleres relevantes da historia local. Entre elas destaca, por exemplo, a propia Sofía Casanova. Esta actividade será o martes 24 de marzo, aínda que o 25 de marzo repetirase para todas as familias de nenas e nenos de 6 a 10 anos. Neste último caso, será ás 17:30 horas na Biblioteca Municipal do Burgo.
O cine ocupará un papel importante coa proxección de ‘Hijas de Cynisca’, unha película documental sobre a desigualdade de xénero no deporte. Trátase dun dos ámbitos con maior discriminación. A cinta proxectarase o xoves 26 de marzo ás 17:50 horas no auditorio do Edificio de Servizos Múltiples, e a entrada é libre.
Ademais de toda esta programación, durante todo o mes de marzo desenvolverase o proxecto audiovisual ‘8M: Nova xeración, nova mirada’. Desenvólveo o Centro de Información e Participación Xuvenil (CIPAX) coa colaboración do IES Rego de Trabe, e consiste nunha serie de vídeos que se irán publicando nas redes sociais.
Un programa contra o odio e a reacción
Neste sentido, o Concello de Culleredo aprobou por unanimidade, no último pleno, unha declaración institucional que denunciaba esta situación. “A ofensiva global contra os dereitos das mulleres, alimentada pola ultradereita e polos discursos negacionistas, pretende presentar a igualdade como un privilexio e non como un dereito democrático básico”, alertaba o texto.
O documento acordado por todos os grupos municipais afirmaba “con rotundidade” que a Corporación “non dará nin un paso atrás fronte ao odio e a reacción”: “O futuro, se quere ser humano, terá que ser feminista”.