A transformación de Vilaboa dá un novo salto. Esta semana comezaron as obras de remodelación do tramo restante da avenida principal e da praza Sagrada Familia, onde máquinas e operarios xa traballan sobre o terreo.
Na avenida de Vilaboa, acométese a renovación integral entre a ponte sobre a AP-9 e a rúa Luís Seoane, cun investimento de 798.210 euros. Deste xeito, dáse continuidade ás fases anteriores de modernización dende a praza da Igrexa.
Os traballos arrincan xunto á ponte da autoestrada e o impacto sobre a circulación rodada será mínimo. Vaise comezar coa ampliación das beirarrúas, o que suporá o desvío dos itinerarios peonís de maneira provisional. Temporalmente, tamén se prevén cortes de carril e supresións de prazas de estacionamento.
A substitución do firme deixarase para a última fase das obras, prevista para finais de ano. Con todo, o reasfaltado desenvolverase en horario nocturno para minimizar o impacto sobre o intenso tráfico da vía.
Os traballos na praza Sagrada Familia, que reciben un investimento de 613.962 euros, carrexan pequenas afectacións locais, como a anulación temporal de espazos de aparcamento ou a reordenación do tránsito a pé. Neste caso, o obxectivo da intervención é crear unha área peonil ampla e garantir o estacionamento con novas prazas en batería.
A inversión total, sumando as fases anteriores da avenida de Vilaboa, aproxímase aos 3 millóns de euros. O núcleo está sendo obxecto dunha fonda modernización que inclúe outros proxectos como a mellora da rúa Domingo Serra.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER