Culleredo latexará co Entroido durante o mes de febreiro. O Concello deu a coñecer este mércores un amplo programa que recolle actividades para todos os públicos e a tradicional romaría de San Blas de Veiga.
Os nenos e nenas de Culleredo terán a súa principal cita o sábado 14 de febreiro co Entroido Infantil. Alí poderán lucir as súas mellores galas e gozar de xogos xigantes, obradoiros creativos e un glitter bar, ademais de poder saborear flocos de millo, chocolate e algodón de azucre. Será de 17:00 a 20:00 horas no pavillón do colexio Sofía Casanova.
O rural será protagonista cun ciclo de actividades de animación infantil e obradoiros creativos nas parroquias do municipio. A chegada de don Carnal celebrarase o domingo 15, de 17:00 a 20:00 horas, nos centros sociais de Castro Laxe, Celas e Sueiro.
O programa continuará o luns 16 no centro Virginia Blanco de Fonteculler; o martes 17 en O Noso Lar de Tarrío, Sésamo e Ledoño; o mércores 18 en Castelo, e o sábado 21 en Almeiras.
Por outra banda, a biblioteca municipal Miguel González Garcés dará renda solta á creatividade cun Obradoiro de Entroido. A actividade desenvolverase o mércores 18 de 17:00 a 18:30 horas, dirixida aos maiores de 7 anos, e é necesario realizar a inscrición con antelación.
O programa carnavalesco complétase coa romaría de San Blas de Veiga o luns 16. O gran evento choqueiro iniciarase ás 12:30 horas e inclúe misa e procesión, desfile de comparsas, premios aos mellores choqueiros e o testamento. Todo iso, acompañado dunha comida popular e da orquestra Fania Blanco Show, que poñerá o acento musical á xornada.
Ademais, os veciños máis veteranos de Culleredo contarán cunha festa pensada para eles. O polideportivo Ría do Burgo será o escenario do Entroido de Maiores, que se celebrará o venres 13 de 17:00 a 20:30 horas.