O Concello de Culleredo dá un paso máis nos seus plans de renovación urbana coa reforma da rúa Andrés Pan Vieiro, situada no centro do Burgo. O goberno municipal publica no perfil do contratante a licitación dos traballos, cun orzamento de 461.940 euros.
O alcalde, José Ramón Rioboo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acordaron o cofinanciamento da actuación coa firma dun convenio de colaboración. A institución provincial achega 250.000 euros, o 54% do total do investimento, procedendo a cantidade restante das arcas municipais.
A rúa Andrés Pan Vieiro está integrada na malla residencial principal do núcleo, servindo de principal conexión entre a avenida de Acea de Ama e Ribados, e funcionando como itinerario peonil para equipamentos como o Conservatorio, o CEIP Isaac Díaz Pardo, o polideportivo ou o campo de fútbol. Ampliaranse e iluminarán os pasos de peóns, elevando dous deles. Renovaranse os pavimentos de todas as beirarrúas e calzada da rúa, que estará adaptada á normativa de accesibilidade.
Os aparcamentos cambiaranse de orientación na marxe dereita, permitindo aparcar marcha atrás en oblicuo. O ancho do carril incrementarase ata os 3,5 metros. Tamén se unificarán os accesos rodados a garaxes.
O mobiliario urbano será renovado desde un punto de vista sostible: para o novo empregaranse materiais procedentes de plásticos reciclados e redes de pesca de xestores de residuos mariños autorizados. Ao longo da vía efectuaranse diversas plantacións de árbores e zonas verdes.
Na contorna do Conservatorio crearase un espazo humanizado especial, con pavimento de formigón sobreelevado, iluminación específica, arboledo e mobiliario urbano.
A iluminación será renovado con tecnoloxía LED, recolocaranse os sumidoiros e adecuarase a rede de pluviais, conectando as bajantes dos edificios lindeiros.