O Concello de Culleredo volve organizar, un ano máis, os tradicionais Concursos de Nadal entre o comercio e a hostalería local, postos en marcha pola área de Dinamización para impulsar a actividade económica do pequeno tecido empresarial nestas datas. Estas iniciativas, moi consolidadas no municipio, buscan recoñecer aos negocios que mellor ambientan os seus espazos con decoracións do Nadal, así como fomentar a participación da cidadanía.
Por unha banda, o VI Concurso de Escaparatismo de Nadal reúne este ano a un total de 75 establecementos comerciais, unha cifra superior á edición anterior. Na web
www.omellorescaparatedeculleredo.com pódese consultar a galería fotográfica de todos os comercios rexistrados e emitir votos para elixir o mellor escaparate. A decoración debe estar vinculada a motivos do Nadal e permanecer visible ata o 7 de xaneiro. Os tres establecementos máis votados recibirán premios de 500, 300 e 200 euros, respectivamente.
Pola súa banda, o II Concurso de Ambientación de Nadal na Hostalería Local busca incentivar tamén a decoración en bares e restaurantes do municipio. Nesta edición participan 21 negocios, aumentando tamén a cifra respecto ao ano pasado. A través da web
www.hostaleriadenadalenculleredo.com os veciños poden ver as imaxes de cada local e seleccionar o seu ambiente favorito. Os premios para o tres máis votados serán de 300, 200 e 150 euros.
Os veciños que participen na votación de calquera dos dous concursos entrarán no sorteo de 20 vales de compra valorados en 50 euros cada un en cada certame. Estes vales deberán gastarse nalgún dos negocios participantes. Con esta fórmula búscase non só recoñecer o esforzo de comerciantes e hostaleiros, senón tamén incentivar directamente o consumo local.