O Concello de Culleredo convocou un novo plan de axudas para os clubs e asociacións deportivas do municipio. O programa, dotado cun orzamento total de 200.000 euros, ten como obxectivo promover a actividade física, apoiar o mantemento estrutural das entidades deportivas e fomentar a práctica deportiva en todas as categorías.
O período subvencionable abarcará desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de decembro de 2025. Como se especifica nas bases, dispoñibles na sede electrónica, as axudas estrutúranse en tres liñas, en función do tipo de entidade e o seu ámbito de actuación. Así, para a promoción do deporte de competición en ligas estatais destínanse 80.000 euros; para asociacións e clubs deportivos, excepto clubs de fútbol campo, destínanse 70.000 euros; e, por último, para clubs de fútbol campo destínanse un total de 50.000 euros.
O Concello poderá subvencionar ata o 100% dos proxectos presentados, dentro dos límites establecidos polas bases. Os gastos subvencionables inclúen os custos de persoal técnico, gastos correntes, seguros, material deportivo, desprazamentos, alugueiros de instalacións ou equipamentos, entre outros.
As solicitudes deberán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Culleredo utilizando os modelos incluídos na convocatoria. O prazo de presentación será de 15 días hábiles a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que foi o luns 3 de novembro. As distintas axudas xa se poden consultar no
Sistema Nacional de Publicidade de Subvencións e Axudas Públicas.
Cada entidade poderá optar unicamente a unha das liñas de subvención. As bases detallan tamén os criterios de valoración, que inclúen o número de licenzas ou socios, o número de categorías, a traxectoria do club, o interese deportivo das actividades ou as accións de inclusión social ou fomento da igualdade.
Así mesmo, o Concello informa de que o resto de axudas destinadas a entidades culturais, sociais, educativas e veciñais atópanse xa na fase final de tramitación para a súa xustificación e pago, completando así o compromiso municipal de apoio ao tecido asociativo en todas as súas vertentes.