A explanada do Paseo Marítimo do Burgo acollerá este Nadal unha nova edición do Winter Park, o parque temático que xa se consolidou como unha das actividades máis esperadas do calendario do Nadal no Concello de Culleredo. 
 
Como cada ano, o recinto converterase nun espazo cheo de ilusión, música e actividades para todos os públicos. Os máis pequenos poderán gozar das atraccións infantís, o tradicional poboado do Nadal e unha completa zona de lecer con postos, food trucks e ambiente festivo.
 
Ademais, e como vén sendo habitual, dentro do recinto do Winter Park os asistentes poderán gozar tamén do Winter Circus, un espectáculo que conta coa colaboración do Concello. A súa nova proposta, 'Tradition. The Origin of the Circus’, estará dispoñible do 5 de decembro ao 11 de xaneiro. 
 
Trátase dun espectáculo que rende homenaxe ao circo clásico e ás súas orixes. A trama narra a aventura de dous amigos, unha neta dun lendario pallaso que nunca chegou a seguir a tradición familiar, e un mozo soñador que aspira a converterse no pallaso máis famoso do mundo. A montaxe combina os números tradicionais de circo, como malabares, equilibristas, trapecistas ou pallasos, con novas propostas escénicas, ademais de incorporar música en directo, danza e teatro.
 
O Winter Circus ofrecerá funcións durante 25 días, con dobre sesión os sábados e a maioría dos domingos, en distintos horarios: 12:00 horas, 17:00 horas, 18:30 horas e 19:30 horas, variando segundo o día.
 
As entradas anticipadas xa están dispoñibles a través da plataforma Ticketrona, con descontos especiais por compra en liña, aínda que tamén poderán adquirirse no despacho de billetes físico durante os días de espectáculo.