O Concello de Culleredo obtén 6,5 millóns de Europa para a súa estratexia urbana

O Concello de Culleredo logra os fondos europeos para levar a cabo a súa Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL). O Ministerio de Facenda publicou hoxe a resolución provisional da convocatoria, sendo o Concello de Culleredo beneficiario dunha contía de 6.547.728 euros, un 60% do investimento total, que será de 10.912.880 euros.

O goberno de Culleredo deseñou un Plan de Acción Integrado enfocado no litoral, coordinándoo coa rexeneración ambiental da ría do Burgo. As metas consisten en superar as barreiras físicas para conectar a ría cos espazos urbanos producindo melloras ambientais, e o impulso de servizos e actividades que beneficien o desenvolvemento do municipio.

O alcalde, José Ramón Rioboo, destaca a “excelente nova” da obtención de 6,5 millóns da Unión Europea para “proxectos de envergadura na rexeneración do territorio, a conservación dos recursos, a mellora dos servizos e o benestar veciñal”. “Este é un plan ambicioso para impulsar un avance sostible de Culleredo en harmonía co potencial da nosa ría”, expresa.

O rexedor sinala que, se ben este plan está centrado na mellora urbana de acordo coa convocatoria, esta concesión de fondos “permitiranos dispor de máis recursos para o rural, o beneficio é sen dúbida para todo o municipio”.

O Plan estrutúrase en catro proxectos, conxunto de actuacións cada un deles.

O primeiro denomínase “Avenida da Ría”. O seu obxectivo é cohesionar os núcleos existentes na contorna da ría. Constará de dúas actuacións: reordenación e renaturalización da avenida de Fonteculler e da avenida de Acea de Ama. Consistirán en incrementar a seguridade viaria, aumentar a masa vexetal e favorecer a mobilidade peonil.

O orzamento deste proxecto é de 1.450.000 euros.

O segundo proxecto denomínase “Conectores ría – cidade” e a súa meta é aumentar a accesibilidade entre a trama residencial e os espazos verdes e servizos do bordo da ría. Para iso, a primeira actuación prevista consiste na redacción dunha estratexia de infraestrutura verde, enfocada á mellora da biodiversidade e conectividade ambiental, e o desenvolvemento dun plan director para implantar tres grandes conectores.

Un conector implementarase no Burgo, entre a praza de Galicia e a ría a través da antiga fábrica da Cros. Outro conector ambiental crearase en Acea de Ama, reforzando a ligazón do río Trabe ata o paseo marítimo. E o terceiro conector irá en Fonteculler para enlazar equipamentos como os colexios e os institutos.

Outra actuación dentro deste proxecto abordará a mellora e posta en valor do Xardín Botánico do Burgo. A terceira versará sobre o reacondicionamento dos Muíños de Acea de Ama. E finalmente, a cuarta será a rexeneración urbana de Tierno Galván.

Este proxecto aglutina 5.916.363,22 euros.

O proxecto 3 denomínase “Áreas de centralidade” e concíbese para mellorar os espazos públicos, permitindo reforzar á súa vez as actividades comerciais e de servizos. As actuacións incluídas son catro: o acondicionamento da contorna da igrexa do Burgo, a reordenación da contorna da praza de Galicia, a reordenación da rúa Andrés Pan Vieiro, e a rexeneración urbana da rúa Moncho Reboiras.

Este proxecto conta cunha previsión orzamentaria de 2.079.991,91 euros.

Finalmente, o proxecto 4 ten por nome “Capital Social Culleredo”. A súa misión é a mellora da calidade e cantidade dos servizos prestados polo Concello.

Dentro deste proxecto deseñáronse 6 actuacións. Levarase a cabo un programa de administración dixital, implementaranse solucións Culleredo Smart City, realizarase un programa de formación a pemes para incrementar a súa competitividade, crearase un centro social no edificio de Radio Culleredo mediante a súa rehabilitación enerxética, impulsarase unha formación en materia ambiental para incrementar a inserción laboral, e ampliaranse os programas do Centro de Emprego Pablo Picasso.

O orzamento deste proxecto alcanza os 1.470.000 euros.

O Plan de Actuación Integrado (PAI) é un instrumento que permite executar partes da Axenda Urbana, un documento estratéxico para definir as prioridades e obxectivos da acción municipal ata 2030 e que foi elaborado coa participación da veciñanza, asociacións e axentes sociais do municipio.

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina