O Concello de Culleredo activará un operativo especial de seguridade con motivo da celebración da primeira edición do Burgo Fest, o festival que terá lugar o venres 26 de setembro na explanada do Paseo Marítimo do Burgo.
O dispositivo estará integrado por efectivos da Policía Local, Garda Civil, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil e persoal sanitario do 061. Así mesmo, instalarase un Punto Violeta, destinado á atención e apoio ante posibles situacións de agresións sexistas.
Doutra banda, o Concello habilitará prazas específicas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, situadas na avenida Xoán Carlos I.
O festival arrincará ás 20:00 horas e prolongarase ata as 03:00 da madrugada, ofrecendo unha xornada de música e lecer nunha contorna segura e accesible.
O alcade, José Ramón Rioboo, fai un chamamento a gozar do festival con responsabilidade, facendo caso ás indicacións dos efectivos de seguridade e sen alcol ao volante.