O Concello de Culleredo impulsa novas actuacións de calado para a mellora urbana e de servizos do municipio. O Concello acaba de realizar a adxudicación por 2.454.568,97 euros de cinco grandes proxectos na zona urbana e rural.
O alcalde, José Ramón Rioboo, apunta que son cinco actuacións deseñadas en resposta ás peticións veciñais e que suporán "un notable avance para o seu día a día". "Con estas obras incrementaremos a seguridade viaria, modernizaremos servizos e en definitiva lograremos unha maior calidade de vida", sinala.
As cinco actuacións adxudicadas, e que por tanto xa se iniciarán nas próximas semanas tras a formalización dos contratos, son as seguintes.
En Vilaboa, o Concello levará a cabo dúas intervencións de envergadura continuando as obras de reforma urbana acometidas nos últimos dous anos e que están a conferir unha cara totalmente renovada ao núcleo. Por unha banda, completarase a humanización da avenida de Vilaboa coa remodelación do tramo entre a AP-9 e Fonte da Balsa, por unha contía de 798.210 euros.
A avenida, como sucede nos tramos previamente executados, disporá de novo pavimento, tanto na calzada como nas beirarrúas que serán máis amplas. Elevaranse dous pasos de peóns para facilitar as cruces con seguridade.
Haberá máis árbores, axardinamento e mobiliario urbano. A nivel de accesibilidade, crearanse prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, coas súas ramplas. A iluminación pública modernizarase por completo, colocando novos puntos de luz con sistema LED. Nos pasos de peóns haberá sensores de presenza. Tamén se renovará a rede semafórica
E, doutra banda, tamén na parte baixa de Vilaboa e estendendo a reforma da avenida, o Concello renovará de forma integral a praza de Sagrada Familia por 613.962,65 euros. A reforma suporá unha reorganización da praza, aumentando as prazas de aparcadoiro. Executarase en plataforma única, favorecendo a accesibilidade e dando continuidade ao espazo desde os portais dos edificios lindeiros.
A praza terá un novo pavimento, en granito as zonas peonís, que proporcionará unha nova estética á contorna. O espazo compartido con vehículos será en formigón e cunha limitación de 20 km/h. A xeración de zonas verdes será outra característica do proxecto con novas árbores e arbustos que servirán para protexer aos usuarios da estrada. Tamén se instalará mobiliario urbano.
O parque infantil será outro dos grandes obxectivos da actuación. Trasladarase á zona interior da praza, máis protexida e adecuada para os nenos, afastada da avenida de Vilaboa. Será cuberto, para permitir o seu uso con independencia da choiva, e o firme será de caucho con novos xogos.
En Acea de Ama, o goberno municipal impulsa unha obra de reforma urbana moi esperada polos veciños. Será a rexeneración da urbanización Tierno Galván, por 759.054,53 euros.
O proxecto vai dirixido ao peón e a súa mobilidade. Así, ampliarase a plataforma en zonas sen beirarrúa ou que son demasiado estreitas, sobre todo nos que se comunican Tierno Galván coa Avenida de Rutis. A solución xerará un fluxo peonil homoxéneo que conectará os ámbitos da Universidade Laboral e do paseo fluvial mediante itinerarios peonís seguros.
Seguindo a liña das intervencións de humanización, plantaranse árbores e arbustos. Do mesmo xeito, instalarase novo mobiliario urbano. Tamén se executará a mellora de servizos como as redes de saneamento e de recollida de augas pluviais. A rede de iluminación renovarase por completo.
E conservaranse o número de prazas de aparcadoiro, xerando novas superficies de parking e tratando de homoxeneizar os pavimentos coa idea integradora na contorna. A urbanización será zona 30.
Xa na zona rural, o Concello adxudica por 144.295,32 euros a renovación de firmes en Ermida de Ternande, núcleo pertencente á parroquia de Celas. Os traballos consistirán na renovación dos pavimentos, con nova capa de rodaxe, a limpeza de bordos e a reapertura de cunetas, e a dotación de sinalización para favorecer a circulación.
Finalmente, na Zapateira, na urbanización Mansosol, o Concello destina 139.046,47 euros, cofinanciados polo Plan Único da Deputación dá Coruña, á renovación da iluminación nas rúas Liberdade, Democracia, Igualdade e Fraternidade. Introducirase tecnoloxía LED e sistemas de telegestión para promover a eficiencia á vez que a luminosidade e rendemento.
O Concello tramita ademais diversas novas obras que serán contratadas gradualmente.