Culleredo viviu unha xornada moi emotiva e especial para a recuperación da memoria de dous veciños que pelexaron pola liberdade. O Concello e Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, de acordo coas familias, celebraron o acto de homenaxe e entrega dos corpos de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, naturais da parroquia de Almeiras, membros da guerrilla antifranquista asasinados o 22 de xuño de 1952 en Visantoña (Mesía).
Os corpos foron exhumados en agosto do ano 2024. Hoxe, 73 anos despois, regresaron a súa terra natal para descansar coas súas familias no cemiterio parroquial de Almeiras, onde foron inhumados tras un acto solemne que tivo lugar no salón de plenos municipal.
Familias e veciños encheron o recinto, deixando que a emoción emanase nos diferentes pasos simbólicos cos que contou a celebración. Entre os presentes non faltaron as bágoas porque foi emocionante enxalzar o papel de dúas persoas que tiveron que fuxir durante anos ata ser abatidos por mor dos seus ideais.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, presidiu o acto, acompañado polo alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, e o presidente da ARMH, Emilio Silva. No salón estaban tamén presentes concelleiros do PSOE e do BNG, así como membros de Alternativa.
“Este é un acto de recuperación da memoria e reparación do futuro”, expresou Rioboo na súa intervención. O rexedor lembrou diferentes nomes dos múltiples guerrilleiros de Culleredo que foron represaliados, destacando o “papel fundamental” da investigación do historiador municipal, xa xubilado, Carlos Pereira, para dar cos restos.
O alcalde destacou que Almeiras e Visantoña “quedan hermandadas de por vida” e aplaudiu a decisión das familias de ter a iniciativa coa asociación de lograr a exhumación para que todo o municipio sepa quen loitou pola liberdade nun contexto imposible. “Hoxe volven á casa”, salientou.
Pola súa banda, Mariano Iglesias, afirmou que “hai que conservar a memoria para non repetir os erros que nunca deberon acontecer”. O presidente da ARMH enxalzou o “exemplo social de liberdade” de José Galán e Manuel Ramiro e apostou que expoñer as súas botas recuperadas, tamén entregadas no acto, nunha vitrina no Parlamento de Galicia, algo co que coincidiu o párroco de Visantoña, Gumersindo Campaña.
Os momentos máis emotivos chegaron coa entrega dos corpos dos dous guerrilleiros. Alberto Gómez, sobriño de José Galán, sinalouno como “boa persoa, sensible e intelixente” e recordou o sufrimento que viviu a súa nai buscándoo polo monte.
Teresa Ramiro, sobriña de Manuel Ramiro, destacou os días da exhumación e os relatos dos veciños de Visantoña de “sentirse liberados” ao poder contar un segredo largo tempo agochado. Entonou uns preciosos versos no momento da entrega mentres portaba unha bandeira republicana.
Moi fermosa foi tamén a canción interpretada por Bea a de Estrella, especialmente dedicada á lembranza de José e Manuel. O himno galego puxo fin ao acto, presentado pola xornalista Clara Bernal, ao son dos gaiteiros, que tamén acompañaron á comitiva no cemiterio de Almeiras, onde tivo lugar a inhumación.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER