O Paseo da Ría do Burgo do Concello de Culleredo acollerá o 27º Maratón Autonómico Urbano da asociación Special Olympics Galicia, unhas xornadas competitivas e solidarias para persoas con discapacidade intelectual. A cita, que terá lugar este domingo, 15 de xuño, conta coa colaboración do Concello, de FAEMGA Galicia e da Asociación Aspronaga.
Este mércores 11 de xuño tivo lugar o acto de presentación, que contou coa intervención do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, a tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández, o presidente de Aspronaga, Nicanor Álvarez, o responsable autonómico do Servizo de Deportes na Coruña, Roberto García, e de dous dos deportistas que acudirán á cita, Pedro Suárez e Laura Martínez.
Na competición participarán un total de 104 deportistas con discapacidade intelectual chegados de toda Galicia. Estarán acompañados por 27 adestradores que, sumados aos 33 voluntarios e aos 10 integrantes da organización, elevan a 173 as persoas involucradas directa ou indirectamente no certame. Os deportistas pertencen a 11 asociacións diferentes.
Programa completo
A 27ª edición do Maratón Autonómico Urbano de Special Olympics Galicia contará con varias probas nas que participarán os deportistas en función dos seus coñecementos e das súas capacidades físicas. Así, haberá carreiras de 3.000 metros, de 1.500 metros, de 800 metros e de 300 metros.
O evento dará comezo ás 10:45 horas co acto inaugural, no que se realizará un desfile de deportistas. As carreiras darán comezo ás 12:00 horas e estenderanse ata as 14:20 horas, cando se prevé que terminen as catro.
Unha vez termine a competición haberá unha entrega de medallas e trofeos, con recoñecementos ás boas prácticas deportivas; o cumprimento das normas, o xogo limpo, o respecto aos árbitros etc.
Para pechar o evento, celebrarase unha comida entre todos os participantes, programada ás 15:00 horas, e unha sesión de actividades de tarde, programadas de 16:00 a 16:30 horas.