O Concello de Culleredo organiza este sábado, 17 de maio, a súa tradicional Feira de Artesanía, coincidindo co Día das Letras Galegas. Terá lugar na praza Europa do Burgo en horario de 11:00 a 20:00 horas.
O evento reunirá a máis de 60 postos, consolidándose como unha cita de renome para os manufactureiros e manufactureiras de Galicia. Así, os artesáns e artesás expoñerán os seus produtos únicos elaborados a base de coiro, vidro e moitos outros materiais.
A xornada contará, ademais, cun completo programa de actuacións musicais, que dará comezo ás 11:30 horas da man do Coro de Voces Veteranas de Culleredo. Posteriormente, ás 12:00 horas, será a quenda da Asociación Cultural Catalmibre, pechando as actuacións a Agrupación Folclórica Ancoradoira en horario de tarde, ás 17:00 horas.
Como complemento a esta celebración, o mago Antón levará á explanada da Ría do Burgo un total de cinco funcións do seu espectáculo ‘A volta a Galicia en 313 concellos’ no seu ‘magomóbil’. As funcións están programadas para as 12:00, 13:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas, contando todas elas con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Esta actuación forma parte da Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña e enmárcase dentro do programa municipal ‘Culleredo en Escena’.