Unha intervención integral, redactada polo Concello de Culleredo e que executará a Deputación da Coruña, incrementará a seguridade viaria na contorna do CEIP de Tarrío. O investimento superará os 384.000 euros co obxectivo de proporcionar unhas condicións adecuadas aos centos de alumnos do centro e aos veciños da zona.
O proxecto está deseñado en dúas fases: en primeiro lugar, unha obra para actuar na contorna inmediata do centro educativo, e en segundo lugar, a construción de novas beirarrúas.
O primeiro proxecto permitirá xerar un itinerario peonil accesible na contorna escolar, entre o punto quilométrico 1,030 e o 1,347. Dispoñeranse dous pasos de peóns elevados con iluminación específica e sinalización dinámica e establecerase unha limitación de velocidade a 30 km/h.
A nova beirarrúa será de formigón e contará con rede de recollida de augas pluviais. Así mesmo, acondicionaranse zonas para árbores e xardineiras. O orzamento desta primeira actuación ascende a 134.117,33 euros.
O segundo proxecto actuará entre os puntos quilométricos 1,353 e 1,720. Desta forma crearase un espazo seguro para peóns desde a zona escolar ata o límite co concello de Cambre.
A intervención consistirá na construción de beirarrúas en ambas as marxes da vía. Tamén se ampliará a calzada e renovarase o firme. O orzamento alcanza os 249.905,48 euros.
Os dous proxectos confeccionados polo Concello xa están en poder da área de Vías e Obras da Deputación, que as acometerá proximamente en canto reciba a asignación orzamentaria.