O Concello de Culleredo comezou hoxe, luns 17 de febreiro, cun servizo urxente de acondicionamento das zonas verdes e axardinadas do paseo marítimo do Burgo. O obxectivo é realizar un mantemento básico de todo a contorna, unha das zonas máis afectadas polo cesamento de actividade da anterior empresa encargada da prestación.
Os traballos iniciáronse pola contorna da ponte romana. Durante os próximos días, os operarios efectuarán tarefas como cortar a herba e arranxar os xardíns ao longo do paseo marítimo.
O goberno municipal optou por esta vía urxente dado que, na licitación do servizo actualmente en curso, quedou deserto o lote do paseo, xunto ao do Burgo. Por iso, en tanto os servizos municipais estudan a vía administrativa a seguir, o Concello baseouse en motivos de salubridade para proceder a estes traballos.
Os outros dous lotes recibiron ofertas, polo que o procedemento avanza cara á adxudicación. Nese caso, os lotes abarcan a Rutis e os campos de fútbol, por unha banda, e aos hortos urbanos, neste caso reservado a un centro especial de emprego.
O Concello explica que a tramitación continúa desde os servizos técnicos coa máxima axilidade posible, dentro do que permiten estes procedementos na Administración, para que Culleredo poida dispor de forma fixa e canto antes dunha prestación de mantemento de zonas verdes acorde coas necesidades reais.