Culleredo dá a coñecer a programación para as Festas de Nadal con actividades para todos os públicos

O Concello de Culleredo publicou a programación ao completo para as Festas de Nadal, na que se recollen diversas actividades para todos os públicos. As visitas de Papá Noel, o Apalpador ou os Reis Magos aos centros sociais, a cabalgata, teatro, contacontos, actuacións e os eventos deportivos ou solidarios destacan no amplo programa municipal para estas sinaladas datas.
 
O programa dará comezo o xoves 19 de decembro, cunha dobre sesión de contacontos. Ás 17:30 horas a Biblioteca Miguel González Garcés acollerá ‘Sempre Nadal’, coa Dragona Ramona, mentres que o Centro Social de Celas acollerá ‘O Apalpador conta con vós’, de Caxoto, ás 18:00 horas, que repetirá o 23 de decembro ás 12:00 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples. Xa para pechar a xornada do xoves, celebrarase o VI Festival de Panxoliñas da Asociación Pro Enfermos Mentales ás 19:30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples.
 
O venres 20 de decembro empezarán as animacións nas rúas do concello, con personaxes en varios puntos. Tamén será a primeira visita de Papá Noel aos centros sociais, empezando co de Fonteculler, aínda que continuará o seu roteiro por Almeiras (21 de decembro), e Castelo, Sésamo, Ledoño e Castro-Laxe (22 de decembro). Todas estas visitas contarán con animación infantil e están programadas de 18:00 a 20:00 horas.
 
Papá Noel non será o único que se deixará caer polo municipio, que tamén recibirá a visita do Apalpador os días 21 de decembro en Sueiro e Orro e o 22 de decembro en O Noso Lar, ambas datas en horario de 18:00 a 20:00 horas.
 
O venres tamén haberá varias actuacións, coa Festa de Nadal dos Maiores no Polideportivo Ría do Burgo ás 17:00 horas, o Concerto de Nadal do Conservatorio Municipal de Música ás 18:00 horas no auditorio do propio conservatorio e a obra ‘Kyoki’, do programa Culleredo en Escena, ás 19:30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples. 
 
O sábado 21 de decembro será a gala de Nadal de Teatro El Ruiseñor no Auditorio do Conservatorio entre as 18:30 e as 20:30 horas. Doutra banda, o domingo 22 de decembro será a quenda das actividades deportivas, coa celebración do XI Trail e Andaina de Orientación Gallaecia Raid a partir das 10:00 horas en Ledoño, e a Chocolatada Benéfica da Papanoelada Motera da Coruña, programada para as 16:30 horas na rúa Dás Artes.
 
O luns 23 de decembro continuará a programación deportiva cos inicios do Campus de Patinaxe Artística do Club Aura, que se celebrará no Polideportivo Ría do Burgo ata o día 27, e o Campus Sport Sala, que se organizará no Polideportivo e Campo de Fútbol de Tarrío ata o 3 de xaneiro.
 
Haberá carpas de Nadal os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en praza Europa e Vila Melania, con xogos, inchables e obradoiros de 17:00 a 20:00 horas. Os Reis Magos visitarán os centros sociais do municipio o 5 de xaneiro, cando tamén se celebrará a Cabalgata a partir das 17:00 horas.
 
Comercio, conciliación, solidariedade e Winter Park
 
Ademais, dentro da programación, xa están en marcha as campañas de comercio local para estimular as compras de proximidade durante estas datas, con premios directos por comprar nos establecementos adheridos co ‘Rasca e gaña’, así como o concurso de escaparatismo e o concurso de ambientación de Nadal na hostalería. Outra campaña que segue activa é a dos ‘Reis Meigos Solidarios’, coa que se pode colaborar para que todos os nenos de Culleredo teñan o seu xoguete o Día de Reis.
 
Entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro celebrarase o campamento de Nadal ‘Archeology Gate’ no CEIP Vila de Rutis, para axudar en canto a conciliación ás familias do municipio. Por último, ata o 12 de xaneiro, na Explanada do Paseo Marítimo do Burgo estará instalado o Winter Park, con atraccións para as pequenas e pequenos, así como o circo ‘Winter Circus on ice’, con entradas dispoñibles en Ticketrona.
 
A programación está dispoñible para descargar na ligazón situada debaixo da nova.

 

Vista previaAdxuntoTamaño
nadal_culleredo_2024_programa_03.pdf741.6 KB

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina