Adxudicadas por 604.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria na DP-3104 ao seu paso por Liñares

A Deputación da Coruña vén de asinar o contrato para o proxecto de mellora e incremento da seguridade viaria da DP-3104 ao seu paso por Liñares, en Culleredo. Trátase dunha actuación concretada co Concello para renovar de xeito notable as prestacións da vía, que conta con numerosas vivendas en ambas as dúas marxes.

A adxudicación da obra produciuse por un importe de 604.629,98 euros. Unha vez formalizado o contrato, ábrese un prazo dun mes para realizar o replanteo e iniciar os traballos, polo que se estima que en abril estarán en marcha.

A intervención consistirá na creación dunha senda peonil de aproximadamente 1,8 quilómetros, que partirá da antiga igrexa de Santo Estevo de Tarrío e rematará na intersección da DP-3104 coa N-550 en Alvedro.

“Cumprimos o compromiso adquirido co alcalde de Culleredo e coa veciñanza de Liñares para mellorar a seguridade peonil nesta zona”, afirma o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que enmarcou a obra nos máis de 100 km de sendas, beirarrúas e travesías construídas pola área provincial de Vías e Obras neste mandato.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destaca que "a actuación suporá un incremento notable da seguridade viaria para a veciñanza de Liñares nos seus desprazamentos cotiás. Contar cun espazo reservado para os peóns é imprescindible, especialmente nun núcleo residencial" expresou.

Rioboo lembra que se trata dunha petición formulada polo Concello e agradece a total disposición atopada na Deputación para levar a cabo o proxecto. "Investir en reducir os riscos das nosas estradas é investir en calidade de vida", salienta o rexedor.

Esta infraestrutura terá dúas tipoloxías diferenciadas. Na zona onde existen vivendas adxacentes, entre os PK 1+360 e 2+305, estará construída con loseta prefabricada de formigón sobre base de zahorra e morteiro; mentres que no resto da obra construirase con aglomerado asfáltico, a medio metro da marca viaria do bordo actual da estrada. Nos cruces das rúas, o firme de formigón será substituído por pavimento de lousa de pedra natural.

Durante as obras será necesario executar algúns muretes e retranquear o eixo da estrada en dous tramos: na zona de parada do bus entre os puntos quilométricos 1+393 e 1+509 e a zona comprendida entre os quilómetros 1+609 e 1+837, onde se desmontará o noiro existente e se executará un muro de mampostería na marxe esquerda, ampliando un metro o ancho da estrada para conseguir un itinerario accesible na senda.

Nestes tramos, dotarase dunha nova capa de rodaxe a toda a calzada. A senda contará ao longo do seu percorrido cunha rede de recollida de pluviais con tubaxes de PVC, os correspondentes pozos de rexistro e rede de sumidoiros.

Tamén se reporán algúns servizos afectados polas obras como determinados tramos de saneamento e algúns postes da iluminación pública. Finalmente, renovarase a sinalización vertical e horizontal en todo o tramo, instalando o balizamento e as proteccións necesarias.

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina