O Concello de Culleredo iniciou os traballos de arranxo no polideportivo municipal do Burgo, instalación deportiva que acolle unha gran actividade no municipio. En concreto, a actuación municipal consiste na renovación do pintado, que en partes se foi deteriorando e no exterior sufriu da acción das pintadas.
Os traballos xa comezaron. No interior repararanse os puntos con maior necesidade, especialmente onde se detectaron humidades. No exterior, empezouse pola pintura na contorna das escaleiras.
Para as fachadas, o Concello encargou a elaboración dun gran grafiti, tanto pola parte frontal como pola lateral, de motivos deportivos, para evitar as pintadas que o danen. Crearase a mediados de mes.
Acondicionamento do pavillón de Vilaboa
Ademais,o Concello de Culleredo acaba de adxudicar as obras de conservación e mellora do polideportivo de Vilaboa, situado no recinto do CEIP Sofía Casanova. O montante dos traballos será de 80.933,65 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña e o Concello.
O proxecto consistirá na mellora de diversos elementos do polideportivo. A cuberta e as instalacións de recollida de pluviais da mesma serán un dos principais obxectivos da actuación, para reparala e evitar a entrada de auga en días de moita choiva. Os vestiarios serán obxecto de remodelación, coa finalidade de incrementar as prestacións que teñen para os usuarios.
O espazo serve tanto para o docencia como para acoller programas municipais e de asociacións.