A modernización do campo de fútbol de Rutis, unha imperiosa necesidade trasladada polos seus centos de usuarios, é unha das principais actuacións do Concello de Culleredo para 2014. Con todo, a súa localización xunto á autoestrada AP-9, demorou o inicio da obra polos requisitos impostos desde Autoestradas.
En concreto, as trabas referíronse á instalación do sistema de iluminación artificial, pola posible incidencia que tería na circulación pola AP-9. O goberno local mantivo negociacións as pasadas semanas con Autoestradas ata por fin acordar unha serie de reaxustes técnicos no proxecto para obter o visto e prace.
Outro dos cambios levarase a cabo no campo de adestramento, proxectado anexo ao principal. Autoestradas determinou que non pode ser de céspede artificial, polo que se manterá de terra.
O Concello ultima agora esas variacións, que espera telas listas esta semana. Co proxecto definitivo xa poderá sacar a licitación as obras, coa intención de que poidan empezar canto antes e minimizar a incidencia sobre a competición.
O goberno de Culleredo deseñou unha modernización total da infraestrutura deportiva, atendendo así á clara necesidade de mellorar as condicións do campo, manifestada polos usuarios. O municipio conta cuns 1.500 veciños que practican fútbol nas diferentes categorías. O orzamento roldará os 765.000 euros, procedentes do remanente positivo destinado a investimentos polo goberno municipal.
O futuro campo de fútbol de Rutis incorporará este céspede artificial de última xeración, sobre unha capa de zahorra de 30 centímetros, que permitirá unha mellor resposta ante impactos, o que previrá moito mellor as lesións. A instalación do céspede artificial era a principal petición para mellorar as súas condicións de uso no inverno.
O campo principal contará cunha marcaxe transversal para outros dous campos de fútbol 7, que se poderán usar coas portarías abatibles que adquirirá o Concello. Os campos contarán cun sistema de rega mediante aspersores emerxentes, colocados nas liñas de banda. A evacuación de auga realizarase cara aos laterais. As propias características do céspede de última xeración propiciarán unha mellor drenaxe.
O Concello mellorará así mesmo as condicións para os usuarios e o público. Nas bancadas instalaranse asentos con respaldo e os bancos serán novos, cubertos. Tamén se colocarán redes detrás das portarías para recoller os balóns e unha nova varanda perimetral.
O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, sinala que a modernización do campo era "imprescindible" e un compromiso adquirido cos miles de usuarios e cos clubs que agora se poderá cumprir. "Será un investimento eminentemente social", afirma Sacristán, que defende os valores sociais que transmite o deporte entre os pequenos, constituíndo unha alternativa excelente para o lecer infantil.
Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...
Emisións en directo e material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER