Coa idea de promocionar o hábito da lectura entre os máis pequenos do municipio, o Concello de Culleredo creou unha mascota para as súas Bibliotecas. A Dragona Ramona, un personaxe que pretende chamar a atención dos nenos para animarlles a abrir libros e gozar da literatura, leva un par de meses traballando no municipio.
A Dragona visitou neste tempo o Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, onde encheu as súas sesións de contacontos. Pero o goberno local cullerdense tiña claro que o papel da mascota non debía cinguirse ás actividades culturais nas dependencias municipais. O Concello aposta pola coordinación entre a Concellaría de Cultura, e as súas Bibliotecas, cos centros de ensino radicados no termo municipal, entendendo que a animación á lectura debe ser un elemento presente nas aulas.
Así, a Dragona Ramona comezou o seu traballo nos colexios cullerdenses. Desprazouse até o CEIP Ría do Burgo, na Corveira, para presentarse aos máis pequenos e representar un contacontos. As palabras dos nenos ao terminar a función desvelan que a labor da mascota se está cumprindo: "Paseimo bomba!", gritou un dos alumnos cando a Dragona enfilaba xa a porta de saída da aula.
A programación destas visitas da mascota continuará co resto de centros:
- CEIP Sofía Casanova (Vilaboa): xoves 15 de marzo. 10.00 horas.
- CEIP Isaac Díaz Pardo (O Burgo): martes 20 de marzo. 12.30 horas.
- CEIP de Tarrío (Culleredo): mércores 28 de marzo. 10.30 horas.
Trátase do primeiro programa conxunto destas características, entre Bibliotecas e centros educativos, que emprende o Concello. O equipo de goberno sinala que non consiste nunha iniciativa puntual, senón que ten carácter permanente. A Dragona Ramona repetirá periodicamente as súas aparicións nas aulas, sempre cun libro na man.
O Concello sabe da importancia de traballar con estes segmentos de idade para promover a adquisición de hábitos de lectura. Coa Dragona Ramona créase unha icona identificativa para os pequenos.