O Concello de Culleredo volverá ser o vindeiro 12 de setembro o punto de encontro da música electrónica galega cunha nova edición do O Burgo Fest. Así o deu a coñecer o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, quen lembrou que o festival xuntará destacados DJ e propostas de música urbana, electrónica e reggaeton.
A explanada do Burgo reunirá, un ano máis, a milleiros de persoas afeccionadas á electrónica, que poderán gozar de balde dun dos eventos musicais máis atractivos do tramo final do verán.
O alcalde sinalou que, tras as festas do verán de xullo e agosto, o municipio se prepara para acoller dous eventos musicais de referencia na comarca. “O Festival O Burgo Fest será o primeiro dos dous grandes eventos que acollerá O Burgo. O día 18 de setembro teremos a oportunidade de gozar do CulleRock”, apuntou.
Destaca a presenza de Saúl Rodríguez Maroñas, coñecido artisticamente como Lg1do, como cabeza de cartel, unha das voces máis coñecidas do urbano galego con temas como "Non me culpes" ou "Vouche enseñar a amar". O artista de Santa Comba é unha das grandes promesas do panorama musical da comunidade e un fenómeno viral aos seus 18 anos, superando xa os 200.000 oíntes mensuais en Spotify.
A DJ rioxana Noex será outra das grandes actuacións da Xornada. Completan o cartel Borja Solla, Nyan Boe, Mark Adams, Cotelo e Ariax.