Programa de formación en plantación e produción de horticultura ecolóxica nos hortos urbanos do Concello de Culleredo

O Concello de Culleredo pon en marcha un proxecto de formación para a sostibilidade ambiental: plantación e produción de horticultura ecolóxica nos hortos urbanos do Concello de Culleredo durante o período 2025-2029 dado que son moitos os veciños e veciñas de Culleredo que seguen amosando nos últimos anos un grande interese pola formación en horticultura ecolóxica.

Por iso, o Servizo de Dinamización, Formación e Emprego impulsa este proxecto de horticultura ecolóxica nos hortos urbanos do Concello, situados no Xardín Botánico  do Burgo, e en Vila Melania en Vilaboa, no período 2025-2029, impulsando así unha actividade lúdico-educativa enfocada a veciños e veciñas do municipio co fin de fomentar a participación cidadá na recuperación dunha agricultura respectuosa co medio ambiente a través da creación e mantemento dos hortos urbanos ecolóxicos, xenerando ao mesmo tempo unha alternativa cultural e de ocio que fomente a idea de desenvolvemento sostible.

Son varios os obxectivos que se perseguen co proxecto:

  • Fomentar a participación cidadá coa xestión comunitaria dos hortos.
  • Promover a educación ambiental no municipio.
  • Impulsar actividades de cohesión social.
  • Coñecer as técnicas de cultivo da agricultura ecolóxica baseadas en criterios de sostenibilidade ambiental.
  • Fomentar o autoconsumo e un modelo de produción responsable.
  • Incentivar o interese pola conservación da biodiversidade.
  • Contribuír á mellora da paisaxe urbana.
  • Contribuír a mitigar a contaminación atmosférica mellorando a calidade do aire, e creando canles cortos de transporte para o consumo.

Os destinatarios serán veciños e veciñas do Concello de Culleredo que estean interesados/as en formarse na práctica da agricultura ecolóxica dentro do marco dos hortos urbanos, e máis en concreto na posta en práctica desta formación nos hortos urbanos do Xardín Botánico do Burgo e en Vila Melania en Vilaboa.

O proxecto inclúe un plan de formación teórico-práctica con dúas edicións de 30 horas, para dous grupos de aproximadamente 25 persoas. Aquelas persoas que tiveran participado en proxectos anteriores no Concello de Culleredo e xa estean en posesión da dita formación, non están obrigadas a facelo de novo, agás que o decidan voluntariamente.

Os requisitos para formar parte deste proxecto, son os que de seguido se recollen:

No caso de persoas físicas:

- Ser maior de idade e residir no Concello de Culleredo, figurando no Padrón Municipal de habitantes.

- Participar no sorteo de prazas que se organice para participar no proxecto formativo, no caso de que o número de solicitudes supere o de prazas ofertadas.

- Participar no sorteo dos hortos dispoñibles para a realización das prácticas.

- Ter suficiente capacidade física para realizar as tarefas propias do proxecto formativo.

- Presentar como máximo unha solicitude por cada unidade de convivencia familiar, entendendo por tal, aquelas persoas que convivan no mesmo enderezo calquera que sexa a relación de parentesco existente entre elas.

No caso de asociacións e entidades con personalidade xurídica:

- Estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Culleredo.

- Designar á persoa representante da mesma.

- Presentar un proxecto de interese social no que describan as actividades que van realizar nos hortos.

No caso de que a demanda de prazas exceda a oferta realizada procederase a realizar un sorteo público. Os solicitantes que non obtiveran praza no sorteo integraranse nunha lista de agarda.

 

ADXUDICACIÓN DOS HORTOS

A adxudicación dos hortos para a realización das prácticas realizarase tamén por sorteo público, podendo as persoas interesadas apuntarse tanto ao sorteo dos hortos de Vilaboa como aos do Burgo. O número de hortos que se porán a disposición son 12 en Vilaboa, e 22 para particulares e 2 para asociacións no Burgo. Os solicitantes que non obtiveran praza no sorteo integraranse nunha lista de agarda.

 

CALENDARIO

Ábrese un período de inscrición desde o 15 de setembro ao 6 de outubro de 2025.  Realizarase unha lista provisional que será exposta o día 10 de outubro de 2025 no Centro Municipal Pablo Picasso e na sede electrónica do Concello de Culleredo, dándose sete días naturais para posibles alegacións a partir do día seguinte da dita publicación.

Unha vez revisadas as posibles alegacións formularase unha lista definitiva que será publicada no Centro Municipal Pablo Picasso e na sede electrónica do Concello de Culleredo o día 24 de outubro. O sorteo celebrarase o 28 de outubro en sesión pública no lugar anunciado previamente.

As persoas interesadas deberan achegar a súa solicitude debidamente cumprimentada e presentarase de forma telemática a través da sede electrónica do Concello de Culleredo (sede.culleredo.es) ou presencialmente no Rexistro Xeral ou no Rexistro auxiliar do Concello de Culleredo e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vista previaAdjuntoTamaño
anexo_ii_calendario.pdf82.95 KB

Sede electrónica

Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...

 

Canal Culleredo

Emisiones en directo y material audiovisual.

 

Teléfonos de interés

  • Ayuntamiento981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información a las mujeres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociales de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociales de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina