As festas patronais do Burgo comezan hoxe, mércores 23 de xullo, coa previsión de traer miles de persoas a Culleredo. Son un dos festexos referencia en Galicia e os veciños espéranas con expectación. Combinarán as verbenas cos postos e as grandes atraccións.
O Concello contará cun plan especial de tráfico focalizado na seguridade do peón, co reforzo diario de patrullas da Policía Local e de efectivos de Emerxencias, que ademais apoiarán á Garda Civil no operativo de seguridade que establecerá.
Xunto á zona das festas instalarase o posto de mando avanzado das forzas e corpos de seguridade, posto sanitario avanzado, zona de ambulancias e bombeiros. O Concello contará neste posto cun sistema de videovixilancia para reforzar a atención.
O Concello instalará tamén o Punto Violeta, para asistir as situacións de agresións sexistas. Estará atendido por profesionais especialistas. Ademais, e do mesmo xeito que ocorreu nas festas de Vilaboa, estará habilitada a aplicación para móbiles Código Violeta, pensada para casos de agresións ou situacións de acoso sexual. Esta aplicación permitirá enviar unha alerta inmediata e xeolocalizada ás forzas de seguridade para avisar sobre estas situacións.
Como serán miles as persoas que acudan a pé ao recinto da festa, a Policía Local establecerá unha regulación nos pasos de peóns da contorna, con bandas redutoras da velocidade. Na avenida da Coruña, principal acceso á zona das festas, instaláronse valos que ampliarán a zona reservada aos viandantes.
A protección dos peóns será un dos grandes obxectivos do dispositivo. Ademais de controlar os pasos de peóns, a Policía Local velará por evitar aparcamentos prohibidos en zonas que afecten o tránsito das persoas, como as beirarrúas.
A avenida Xoan Carlos I permanecerá cortada desde a glorieta da avenida da Coruña ata a glorieta coa rúa Templarios. O corte comezará ás 17.00 horas os días 23, 24, 26 e 28, mentres que o festivo 25 e o domingo 27 será ás 12.00 horas.
O Concello de Culleredo recomenda aos que acudan ás festas en coche que collan a avenida Xoan Carlos I en Fonteculler e, seguindo as indicacións de Protección Civil e Policía Local, estacionen nas múltiples zonas especiais habilitadas, como a explanada xunto ao botánico.
Para persoas con mobilidade reducida, o Concello creará zonas especiais no aparcamento de Gadis e na rúa Templarios. Os taxis terán unha parada especial na avenida da Coruña.
Ademais, Alsa informa de que establece servizo especial de buses de madrugada ata Entrexardíns entre as 1.00 horas e as 4.00 horas.
O alcalde, José Ramón Rioboo, fai un chamamento aos cidadáns para gozar destes festexos desde a tranquilidade, sen alcol ao volante e facendo caso en todo momento ás indicacións dos efectivos de seguridade.