O Concello de Culleredo inaugurou este martes, 1 de xullo, a exposición itinerante ‘Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión’, unha mostra promovida pola Deputación da Coruña na que se recupera a memoria de 540 mulleres importantes na historia de Galicia a través de diversos paneis.
A inauguración, celebrada na praza de Galicia onde está instalada esta exposición, contou coa presenza do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a concelleira de Cultura, Penélope López; a deputada de Igualdade, Soledad Agra; así como varios representantes do goberno local e da corporación municipal. A mostra poderá visitarse na citada praza ata o próximo 14 de xullo.
A mostra consta de 39 paneis en total divididos en tres grandes bloques
A exposición, impulsada pola área de Cultura da Deputación da Coruña en 2023, busca divulgar o papel fundamental das mulleres e dos movementos activistas femininos desde finais do século XIX ata finais do século XX. Está composta por 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes, distribuídas en trece estruturas temáticas. Os contidos divídense en tres grandes bloques cronolóxicos; a etapa previa a 1936, os anos da Guerra Civil e a posguerra inmediata, e a represión continuada do franquismo contra as mulleres.