O Paseo Marítimo da Ría do Burgo acollerá este domingo, 29 de xuño, a cuarta edición de ‘CaminEMos por la esclerosis múltiple’, unha andaina solidaria organizada pola Asociación Coruñesa de Esclerosis Múltiple (ACEM) coa colaboración do Concello de Culleredo. O obxectivo desta iniciativa, na que se realizará un percorrido de 2 quilómetros polo Paseo Marítimo da Ría do Burgo, é o de dar visibilidade a esta enfermidade.
Será a partir das 11:00 horas, aínda que todos os participantes terán que acudir ao punto de encontro, no propio paseo, ás 10:45 horas. As inscricións poderanse formalizar ata o venres 27 de xuño ás 12:00 horas, cun custo de 10 euros, e inclúen de agasallo unha mochila e unha camiseta conmemorativa.
As persoas interesadas poderán inscribirse de forma presencial na sede de ACEM, nos teléfonos 981 240 985 e 677 477 495 ou a través do
formulario web dispoñible. Cabe destacar que aquelas persoas que se inscribiron na edición de 2024, suspendida por causas alleas á organización, quedan exentas de realizar o pago para esta convocatoria.
O Concello de Culleredo axudará na organización do evento en varios aspectos que foron concretados nunha reunión mantida entre a concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, e representantes de ACEM. Neste encontro pecháronse os últimos detalles do evento, coordinando coa citada institución a organización da cita e outros puntos fundamentais para o desenvolvemento desta actividade.