Culleredo celebrará a XXIV edición do ‘BurgoJazz’ do 4 ao 7 de xullo con Josemi Carmona como cabeza de cartel

O Concello de Culleredo converterase, un ano máis, no epicentro galego da música jazz acollendo a XXIV edición do Festival BurgoJazz, programado do 4 ao 7 de xullo. A cita, como é habitual, terá lugar no Xardín Botánico Ría do Burgo, nunha contorna natural única onde se poderá gozar do jazz nun ambiente inmellorable.
 
A programación deste ano conta con sete actuacións diferentes, entre as que destacan o espectáculo ‘Mi vida, mi música’ de Josemi Carmona, guitarrista coñecido polo seu paso polo grupo Ketama, e o ensamble do Conservatorio Municipal. 
 
Os alumnos e alumnas do Conservatorio serán os encargados de inaugurar o evento, cun concerto programado para o venres 4 de xullo a partir das 20:30 horas. Con esta actuación, o alumnado do centro repite a súa presenza no festival, no que participaron por primeira vez o ano pasado.
 
Pola súa banda, o fillo do guitarrista Pepe Habichuela será o encargado de pechar o festival o luns 7 de xullo ás 21:00 horas coa súa actuación ‘Mi vida, mi música’, que contará con outros cinco músicos. Trátase dun espectáculo que mestura flamenco, rock, pop e jazz creando un son orixinal e fresco. 
 
Entremedias, o festival ofrecerá un total de cinco actuacións adicionais que completarán a súa variada programación. O venres, tras a presentación do Conservatorio, subirá ao escenario o dúo Latiendo América. A xornada do sábado estará protagonizada por Paul Álvarez Dúo e por Valentín Caamaño Quartet. O domingo será a quenda de Ton Risco Quinteto e de Zafra. Finalmente, o luns poñerase o broche de ouro ao festival co xa citado espectáculo de Josemi Carmona.
 
Programa completo
 
Apertura do Ensamble do Conservatorio Municipal de Culleredo, o venres 4 de xullo ás 20:30 horas
 
O alumnado do Conservatorio Municipal de Culleredo será o encargado de inaugurar o evento. Este será o segundo ano consecutivo no que estarán no BurgoJazz.
 
Dúo Latiendo América, o venres 4 de xullo ás 21:00 horas
 
Latiendo América é un dúo formado polo violinista venezolano Pedro Montilla e o guitarrista brasileiro Mauricio Caruso, dous músicos con traxectorias sólidas e unha profunda conexión coas raíces musicais do continente latinoamericano. 
 
Pedro Montilla combina a súa formación académica como director de orquestra cunha intensa pescuda sobre os ritmos tradicionais de América Latina, especialmente aqueles do seu país natal. O seu violín pulsa coa enerxía das músicas populares e o rigor da formación sinfónica. Mauricio Caruso, pola súa banda, percorreu escenarios de todo o mundo levando consigo a riqueza da guitarra brasileira. Cunha sensibilidade refinada e unha investigación constante sobre as linguaxes musicais da súa terra, a súa música dialoga entre o ancestral e o contemporáneo
 
Paul Álvarez Dúo, o sábado 5 de xullo ás 20:30 horas
 
Paul Álvarez, guitarrista flamenco de recoñecido talento, formará dúo co versátil pianista Iago Mouriño, uníndose para ofrecer unha visión única e renovada do flamenco contemporáneo a través das composicións orixinais de Paul Álvarez. Este proxecto íntimo e poderoso combina a profundidade e o virtuosismo da guitarra flamenca cos matices harmónicos e expresivos do piano.
 
En cada interpretación, Paul Álvarez e Iago Mouriño percorren un repertorio que conecta coa tradición flamenca mentres explora novas paisaxes sonoras. O resultado é unha proposta chea de emoción, delicadeza e forza, onde cada nota reflicte o compromiso de ambos músicos coa autenticidade e a innovación. 
 
Valentín Caamaño Quartet, o sábado 5 de xullo ás 21:50 horas
 
Valentín Caamaño preséntase nesta nova edición do BurgoJazz co seu cuarteto ao completo, formado xunto a tres dos máis recoñecidos músicos de jazz nacionais: Xosé Miguélez (saxo tenor), Alfonso Calvo (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería), para presentar o seu cuarto disco, ‘All the Gods’.
 
O disco obtivo o recoñecemento do público e da crítica especializada, sendo nomeado tres veces aos Premios Martín Codax da Música e quedando semifinalista aos Premios MIN da Música Independente 2023.
 
Ton Risco Quinteto, o domingo 6 de xullo ás 20:30 horas
 
Ton Risco leva sendo unha boa noticia para o jazz desde hai case 20 anos. É licenciado en percusión clásica e vibráfono de jazz. O que move a este artista galego é ben profundo, por baixo de ortodoxias e virtuosismo, é un tipo sensible e poliédrico que comezou coa batería e buscou nas láminas o seu propio piano percusivo onde inventar melodías buscando a beleza. 
 
Presentará o disco ‘Sete’, influenciado polo son do quinteto do contrabajista Dave Holland. O quinteto complétano William Díaz (trombón), Pablo Añón (saxo tenor), Alfonso Calvo (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería).
 
Zafra, o domingo 6 de xullo ás 21:50 horas
 
Colectivo Zafra presenta o seu primeiro traballo discográfico titulado ‘Tiempo al tiempo’ baixo o selo Tiny Moon Records. O disco reflicte o estilo distintivo da banda, co jazz como eixo central, fusionado de forma orgánica con influencias de músicas urbanas actuais, ritmos latinos e europeos. 
 
Formado en 2018 por músicos que se coñeceron durante os seus estudos superiores, Colectivo Zafra xorde coa intención de canalizar a súa experiencia artística e académica a través de composicións propias. A agrupación está composta por Charly Drop (contrabaixo e baixo), William Díaz (trombón), Diana Tarín (voz), Miguel Cabana (batería), Iago Mourinho (piano e teclados) e Pablo Añón (saxofones).
 
Josemi Carmona ‘Mi vida, mi música’, o luns 7 de xullo ás 21:00 horas
 
Neste espectáculo ofrécese unha inmersión na evolución artística de Josemi Carmona, desde as súas raíces no flamenco máis puro ata o seu papel revolucionario como membro de Ketama, onde o “Novo Flamenco” atopou a súa maior proxección. Ten ecos do innovador "Omega" de Enrique Morente e Lagartija Nick, reminiscencias da intensidade de Camarón e sonoridade de Miles ou Ibrahim Maalouf. 
 
A súa proposta transita con fluidez entre o flamenco, o rock, o pop e o jazz, abrindo novas fronteiras sonoras e explorando as posibilidades dun flamenco en constante diálogo con outros xéneros. Actuarán xunto a el Rafita de Madrid (voz), Josué ‘Ronkio’ (Baixo), Enriquito (trompeta) e Bandolero (percusión).
 
Vista previaAdjuntoTamaño
programacion_burgojazz.pdf227.47 KB

Sede electrónica

Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...

 

Canal Culleredo

Emisiones en directo y material audiovisual.

 

Teléfonos de interés

  • Ayuntamiento981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información a las mujeres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociales de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociales de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina