O Concello de Culleredo e o CEIP Ría do Burgo presentaron a sétima edición de Cullerciencia, unha feira xa consolidada en Galicia e que reúne cada ano a centos de visitantes. Será o sábado, 7 de xuño, de 12:00 a 19:00 horas na explanada do Paseo Marítimo do Burgo.
O alcalde, José Ramón Rioboo, a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, a directora do centro, Uxía Sedes, e a coordinadora do club de ciencia e secretaria do centro, Ana María Nicolás, foron os encargados de dar a coñecer os detalles desta edición no acto de presentación, onde se desvelaron os aspectos máis importantes desta feira científica escolar que promete ser unha xornada chea de experimentos, proxectos creativos e actividades interactivas para toda a familia.
Este ano haberá un total de 36 carpas, que se dividirán entre 26 participantes, entre os cales hai 8 centros de educación infantil e primaria, 5 institutos e 13 entidades e asociacións, todos eles coa súa propia proposta baseada nos traballos e investigacións científicas realizadas.
Os grandes protagonistas serán os centros escolares, destacando non só a presenza dos centros do municipio, senón tamén doutros chegados desde concellos como Cerceda, Meis, Cambre ou A Coruña, aínda que chegarán visitantes de moitos outros centros. Do mesmo xeito, haberá postos de distintas facultades e de entidades ou asociacións como a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, FEGEREC, CITMAGA, CEIDA, ENSEÑOLABS ou BRICO LABS.
Programa
O evento contará cunha variada programación coa ciencia como protagonista que dará comezo ás 12:00 horas nun acto inaugural no que actuará a Agrupación Folclórica Ancoradoira. Despois, abrirán os diferentes postos, que estarán dispoñibles durante toda a xornada.
Posteriormente, ás 13:00 horas, realizarase unha mesa redonda que este ano substituirá ás charlas. Estará moderada polo director de Radio Culleredo, Francisco Díaz, e contará coa participación do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo; a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a directora executiva do CETIM, Lucía Camiño; o Director da Open Science – Cambre, José Viñas; o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez e o representante do club de ciencia do CPI do Mosteiro – Meis, Camilo Ojea.
Ás 14:00 horas celebrarase unha comida comunitaria entre todos os participantes, seguindo coa xornada xa en horario vespertino, ata as 19:00 horas, cando rematarán todas as actividades.
O CEIP Ría do Burgo difundirá a cita, realizando retransmisións en streaming a través da súa canle na plataforma Twitch e na radio escolar, aínda que tamén se está barallando a posibilidade de retransmitir en directo a través da canle de Youtube do centro.