O Concello de Culleredo informa dun corte de tráfico no tramo provincial da rúa San Xiao, en Almeiras, debido aos traballos de formigonado que levarán a cabo na zona. Estas obras enmárcanse dentro das actuacións iniciadas na citada rúa o pasado mes de abril pola Deputación da Coruña, baixo a premisa de mellorar a seguridade viaria na estrada DP-3108, unha vía que desempeña un papel fundamental como ligazón para numerosas vivendas.
As obras comezarán o vindeiro xoves, 8 de maio, e estenderanse ata o luns 19. Durante este período procederase ao corte total do tráfico na citada vía, pechando tamén o acceso á mesma desde as rúas Silva, Campo e a avenida de Almeiras. Igualmente, verase afectado o acceso desde a rúa Eladio de la Iglesia Doldán e a súa intersección coa propia rúa San Xiao. Con todo, os residentes na zona poderán acceder aos seus domicilios e garaxes sen impedimentos.
Os traballos forman parte da actuación concretada polo Concello e a Deputación que conta un investimento total de 290.000 euros procedentes de fondos provinciais. A actuación persegue a mellora da seguridade viaria e a renovación integral do pavimento. Do mesmo xeito, levarase a cabo unha mellora estética da zona mediante o emprego de materiais atractivos, resistentes e duradeiros. Tamén se repoñerán os servizos municipais afectados polas obras e procederase a unha simplificación da sinalización vertical e horizontal, adaptándoa ao novo deseño da contorna.