O Concello de Culleredo presentou a programación do ciclo de primavera do ‘Culleredo en Escena’, que regresa o venres 25 de abril coa primeira obra da tempada. En total, o programa municipal contempla seis actuacións, estendéndose ata o próximo mes de xuño.
Nesta ocasión, ‘Un deus salvaxe’, da compañía Talía Teatro, será a encargada de romper o xeo, chegando ao Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo este venres 25 de abril a partir das 20:30 horas. Trátase dunha sátira da sociedade contemporánea que analiza con humor as relacións de parella, os roles de xénero ou o exceso de corrección política. Está recomendada para maiores de 13 anos.
Como é habitual, as entradas para este espectáculo serán completamente gratuítas, aínda que será necesario facer unha reserva previa en horario de 16:00 a 21:00 horas no propio Edificio de Servizos Múltiples ou chamando por teléfono ao 981 66 55 97. Este procedemento será igual para os próximos espectáculos do ciclo de primavera do ‘Culleredo en Escena’, habilitándose a reserva de entradas en cada semana de actuación.
A seguinte actuación será o sábado 17 de maio, día da Feira da Artesanía, con ‘A volta a Galicia en 313 concellos’, da man de O Mago Antón. Neste espectáculo, o popular mago fai unha volta ás súas orixes e recupera números e técnicas de actuacións pasadas, facendo unha recompilación de diferentes xogos e trucos.
O venres 23 de maio será a quenda de ‘Apaga o candil’ de Contraproducións, un espectáculo para maiores de 10 anos que reflexiona sobre a morte, a diversión ou a emoción e que reivindica a riqueza da tradición oral e a memoria rural. Conta cun premio María Casares.
Posteriormente, o 30 de maio, será a quenda de ‘O dragón de ouro’, de Sarabela Teatro, dirixida a un público de máis de 16 anos. Conta con catro premios María Casares 2025 e narra a historia dun mozo chinés que vive en Europa e que non ten permiso de residencia nin diñeiro, pero debe ir ao dentista, o que lle leva a confiar nos seus compañeiros de restaurante.
A quinta obra do ciclo primaveral do Culleredo en Escena será ‘Mala vida e pior morte do Rei Ricardo III’, de PT Excéntricas, unha proposta teatral irreverente e divertida que revisa a figura do monarca inglés Ricardo III. Está programada para o 6 de xuño e non está recomendada para menores de 16 anos.
Por último, pecha o ciclo de primavera do programa municipal ‘Agora é o tempo’, un concerto de Francisco Castro e a Banda dos Borges no que presentan o seu primeiro disco. Neste traballo viaxan a través do rock, do funcky e do pop con letras poéticas. Este espectáculo está programado para o 21 de xuño.
O programa ‘Culleredo en Escena’ está impulsado polo Concello de Culleredo e conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.