O goberno local de Culleredo dá novos pasos na transformación integral de Fonteculler, un dos principais núcleos residenciais, con proxectos que contan cun investimento de máis de 2 millóns de euros. En concreto, o Concello acaba de iniciar as obras de renovación da rúa Rafael Alberti e as prazas adxacentes, xa adxudicou a modernización da iluminación pública na avenida principal, e presentou o proxecto de “Avenida da Ría” á convocatoria de fondos europeos.
Estes proxectos únense aos xa executados polo Concello nos últimos anos, como a plantación de arboledo, a reforma urbana de varias rúas, ou a construción da nova glorieta
As obras de renovación de Rafael Alberti e as prazas adxacentes xa comezaron. Trátase dunha vía que discorre en paralelo á avenida principal, dando acceso a edificios e negocios.
A actuación conta cun investimento de 315.663,87 euros e supoñerá a renovación integral deste espazo, tanto a nivel de seguridade e funcionalidade como de estética. As obras acometeranse por tramos para minimizar as molestias aos residentes.
Reordenaranse aparcamentos, sen eliminar as chairas que actualmente concentran bo número de prazas. O pavimento da vía será remodelado en aglomerado impreso e renovaranse as beirarrúas, o que supoñerá unha notable mellora da accesibilidade. Dispoñerase nova sinalización para incrementar a seguridade viaria na zona.
Seguindo os criterios de humanización que está a aplicar o goberno municipal, a contorna contará con árbores e mobiliario urbano e colocaranse bancos de madeira, papeleiras e varandas. A nivel de servizos, o Concello efectuará o cambio da iluminación pública, que será con tecnoloxía LED. Por último, renovarase a rede de pluviais.
Modernización da iluminación pública
A seguinte actuación en Fonteculler será a modernización da iluminación pública, desde o límite coa Coruña ata a glorieta da Policía Local. Esta actuación, xa adxudicada, conta cun orzamento de 315.617,56 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña.
O Concello substituirá as actuais luminarias de vapor de sodio por unhas novas de tecnoloxía LED, apostando pola eficiencia enerxética. Serán un total de 63 puntos de luz os que se renovarán, situados a ambos os dous lados da avenida. Os apoios terán unha altura de 13 metros e serán en aceiro galvanizado para evitar a corrosión.
A actuación inclúe tamén a dotación de novos centros de mando para introducir a telexestión na iluminación. Este sistema permitirá un control inmediato en casos de avarías e unha regulación dos horarios de funcionamento das luces.
Calcúlase que o aforro que se logra con este tipo de cambio a LED da iluminación pública é dun 40%, o que se notará moito na factura eléctrica, un dos principais gastos dos municipios. O goberno local aposta por unha tecnoloxía que proporcionará mellor luminosidade á vez que promoverá o aforro e a eficiencia enerxética.
Avenida da Ría
Doutra banda, o Concello de Culleredo incluíu no seu Plan de Acción Integrado enfocado no litoral, o proxecto da “Avenida da Ría”, que ten como obxectivo cohesionar os núcleos existentes ao redor da ría. Constará de dúas actuacións: reordenación e renaturalización da avenida de Fonteculler e da avenida de Acea de Ama. O plan de reforma urbana incrementará a seguridade viaria, aumentando a masa vexetal e favorecendo a mobilidade peonil.
O orzamento deste proxecto é de 1.450.000 euros e foi presentado polo Concello á convocatoria de fondos europeos. Trátase de superar as barreiras físicas para conectar a ría cos espazos urbanos producindo melloras ambientais, e o impulso de servizos e actividades que beneficien o desenvolvemento do municipio.