Culleredo esixe explicacións á Xunta tras recibir informacións de graves irregularidades no centro de día

O Concello de Culleredo reclama á Xunta de Galiza, titular do centro de día do Burgo, “explicacións urxentes” tras ser coñecedor, por parte de usuarios e usuarias do mesmo, de  presuntas irregularidades, de carácter moi grave, no seu funcionamento. Estas irregularidades abarcan tanto á xestión do persoal do centro de día coma ao seu mantemento.

Segundo a información recibida polo Concello, o número de persoal técnico en xerontoloxía contratado pola Xunta resulta insuficiente para proporcionar unha atención axeitada ás persoas maiores. Os usuarios que transmitiron a queixa ao goberno local relatan que por defecto non se cobren as vacacións dos xerocultores e non existe fisioterapeuta desde o mes de maio, o que inevitabelmente impide que os coidados ofrecidos sexan os previstos.

Asemade, segundo as queixas, foron cesados 13 traballadores e traballadoras cualificados desde a apertura do centro, sendo substituídos por persoal con contrato en formación. Non obstante, a empresa encargada da xestión do centro nunca realizou cursos de formación aos empregados e empregadas.

Os usuarios e usuarias tamén detectan carencias no que se refire ao equipamento necesario para  atención das persoas usuarias máis dependentes. A limpeza do centro é obxecto tamén de preocupación, ao non existir, segundo as queixas recibidas, material específico para efectuala, así como para o mantemento xeral da instalación. Isto provoca que sexan os empregados os que se encarguen da limpeza, o que redunda de novo na tarefa que realmente lles corresponde de atención aos usuarios.

Ante toda esta información, a primeira tenenta de alcalde, a nacionalista Raquel Jabares, remitiu unha carta ao xerente do Consorcio de Servizos da Igualdade e o Benestar, que depende da Xunta, xunto coas queixas recibidas. Na misiva, a portavoz do BNG e edil de Benestar Social pídelle un informe técnico que aclare estas cuestións e a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Centro de Día do Burgo para analizar a situación.

Máis de 15 días despois de enviala, o Concello de Culleredo non obtivo resposta algunha da institución galega, o que causa que “se acrecenten as dúbidas sobre a xestión da dependencia”, apunta Jabares.

A primeira tenenta de alcalde amosa a súa “preocupación” polos feitos denunciados e a súa “sorpresa” pola falta dunha aclaración inmediata e rotunda da Xunta se esta situación non fose real. A nacionalista asegura que como representante dos veciños e veciñas de Culleredo “non vou consentir que un centro de día tan necesario para moita xente ofreza un servizo irregular e alonxado dos umbrais mínimos de calidade que se lle debe esixir a unha administración pública destas características”.

Por iso, Jabares anuncia que chegará “onde sexa necesario” para esclarecer estes feitos de forma inmediata. “Non pelexamos durante anos para conseguir un centro de día que agora non funcione seriamente”, sostén.

Sede electrónica

Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...

 

Canal Culleredo

Emisiones en directo y material audiovisual.

 

Teléfonos de interés

  • Ayuntamiento981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información a las mujeres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociales de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociales de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Sí­guenos en Twitter

Envíanos tus dudas

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina