Xa hai data para que os veciños gozar do novo auditorio do Burgo, no Edificio de Servizos Múltiples que o Concello de Culleredo remodelou. Será este venres 13 de maio e para a ocasión o goberno local, conmemorando a gran actividade de arte escénica que sempre tivo este edificio, elixiu un espectáculo de teatro infantil dedicado a Manuel María, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.
A representación teatral leva por título "Historia dunha espiña de toxo", e está inspirada na xenial obra de Manuel María "Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela". Tratarase dunha adaptación cómica, moi dinámica, do texto.
O acto dará comezo ás 19.30 horas do mencionado día 13. Está incluído no programa Cultura no Camiño.
O novo auditorio ten acceso independente e dispón de vestíbulo, para protexer da choiva na entrada, e de aseos propios. Cunha capacidade para unhas 250 persoas, conta cun amplo escenario para acoller todo tipo de actos, desde teatrais a concertos ou musicais.
A reforma do salón enmarcouse na primeira fase de rehabilitación do Edificio de Servizos Múltiples, punto neurálxico da zona urbana de Culleredo en canto a actividade cultural e atención á cidadanía. O resto de novas dependencias do Edificio abriranse en canto se instale o novo mobiliario, cuxa dotación acaba de ser contratada.
A concelleira de Cultura, Carmen Varela, considera "ideal" que a estrea do auditorio sexa con cultura, pola rica programación que impulsa o Concello ao longo de todo o curso. A edila sostén que tras as obras lógrase un espazo "moderno e con todas as condicións para a celebración de calquera tipo de acto".