O alcalde leva a pleno dez alegacións para mellorar o proxecto do Estado de dragado da ría

Tras un pormenorizado estudo da proposta formulada polo Ministerio de Medio Ambiente para o dragado da ría do Burgo, o goberno local de Culleredo elevará o xoves a pleno un total de dez alegacións para mellorar o proxecto, tanto desde o punto de vista ambiental como construtivo.

O Concello analizou todos os aspectos incluídos no proxecto, desde a flora e fauna mariñas ata o depósito dos lodos ou a urbanización en superficie. As alegacións que o alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, presentará ao pleno son as seguintes.

1. Que para os traballos de extracción de lodos se articulen as medidas necesarias e as melloras técnicas oportunas que eviten a posible contaminación doutras zonas, con barreiras ou elementos similares. Solicítase a configuración dunha partida específica xa que non se ve reflectida no orzamento.

2. No proxecto prevese a utilización da Lagoa de Fonteculler, no paseo marítimo, para evitar a posible turbidez da auga que volve á ría. O Concello propón que unha vez acabados os traballos se proceda á rexeneración da mesma, eliminando os lodos e dotándoa cunha capa grosa de area, subindo un metro o nivel da auga actual, para podela utilizar para fins deportivo-lúdicos.

3. O proxecto presentado contempla o confinamento dos lodos máis contaminantes no sector VII ao lado de Culleredo (contorna do xardín botánico). Para iso canalízase, por un lateral o río Trabe, polo que se solicita que se teña en conta o nivel de pleamar, xa que pode provocar inundacións augas arriba do río e se contemplen varias ramplas ou escaleiras para que, en caso necesario, se poida limpar a canle.

4. No proxecto prevense dúas pasarelas de madeira coas súas correspondentes varandas que desde o punto de vista estético poden ser boas, pero non para o seu mantemento dado a exposición á auga das mesmas. O Concello suxire que se substitúan por outras máis resistentes ás inclemencias do tempo.

5. En canto ás obras de urbanización do recinto de confinamento de lodos, de aproximadamente 75.000 metros cadrados, que supoñen unha oportunidade para a ampliación do paseo marítimo, prséntanse as seguintes observacións:

  • Debe incrementarse a partida orzamentaria dedicada a mobiliario urbano, escasa para a extensión a urbanizar, tanto en papeleiras como en bancos e en farois, dada a cantidade de xente usuaria potencial.
  • Debe configurarse unha partida para a instalación de rego xa que, pola contra, o seu mantemento en boas condicións será practicamente imposible.
  • En relación co pavimento desta parte nova do paseo marítimo, o Concello propón a súa substitución. Aínda que se entende que é un bo pavimento, pode provocar caídas en época de choivas. Se aposta por cambialo por outro tipo baldosa de 60x40 antiescorregadizo.
  • En canto ás especies elixidas para plantar no espazo, non parecen acertadas, algunhas como o Prunus Laurocerasus ou loureiro romano, que non é moi apreciado esteticamente, sendo máis vistosas especies como Prunus serrulata ou Cercis siliquastrum (árbore do amor).
  • Noutros casos, presentan algún inconveniente plantalas en zonas de esparexemento, en especial para os nenos, como é o caso do Rhododendro que ten unha sustancia tóxica nas súas follas ou o Acivro cuxas baias, tras a súa inxestión poden provocar diarreas e vómitos polo que solicita a súa substitución por outras especies arbóreas non tóxicas, como as especies autóctonas: Betula alba, Quercus robur, Fraximus excelsior e Castanea sativa.

6.    No proxecto non se observa ningunha partida para o programa de vixilancia ambiental dos traballos a executar que se entenda máis aló do prazo de execución da obra, co fin de analizar o comportamento da ría polo menos ata tres anos despois de terminarse os traballos.

7.    Durante a execución das obras prevese a instalación dunhas pantallas acústicas nas zonas urbanas do ámbito de actuación, que o Concello considera insuficientes xa que non se atopa incluída toda a zona urbana de Culleredo.

8.    No estudo de Bionomía da ría exponse algunhas medidas no apartado de vixilancia ambiental referido ás aves durante as obras e con posterioridade. O goberno municipal solicita que se consigne partida orzamentaria para realización da devandita vixilancia e os estudos previstos, xa que só se ve partida para a instalación de posaderos para aves acuáticas e plataformas flotantes.

9.    Igualmente débese incluír unha partida no orzamento para repor aquelas especies vexetais típicas da ría como a Zostera Noltii e similares que puidesen ser afectadas os traballos a desenvolver.

10.    Apoiar as alegacións formuladas pola Confraría de Pescadores da Coruña.

Sacristán considera que a totalidade das alegacións deberían ser asumibles para mellorar as características do proxecto de dragado, tanto para a actividade marisqueira, como para preservar a súa riqueza ambiental e para favorecer á cidadanía da contorna. Varias das suxestións céntranse na ampliación do paseo marítimo en 75.000 metros cadrados, co obxecto de que sexa acorde coa gran zona verde que xa ten Culleredo e que alberga cada día por centos de persoas.

Outro dos puntos que apunta o rexedor é a necesidade de prolongar o proxecto despois da súa finalización cun programa de vixilancia que revele os resultados e permita tomar as medidas pertinentes.

Sede electrónica

Trámites en liña, taboleiro oficial, carpeta cidadá...

 

Canle Culleredo

Emisións en directo e material audiovisual.

 

Teléfonos de interese

  • Casa do Concello981.677.777
  • A Escada981.664.452
  • C.F.Pablo Picasso981.664.204
  • Centro de información ás mulleres (CIM)981.654.570
  • Centro municipal asociativo981.652.122
  • Conservatorio de Música981.667.798
  • Edificio usos múltiples981.665.597
  • Policia Local981.677.755
  • Protección Civil981.651.879
  • Servizos sociais de O Burgo981.654.570
  • Servizos sociais de Vilaboa981.660.079
  • Villa Melania981.650.077

Séguenos en Twitter

El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER

Patrocina