“Benvidos todos a Veiga, meus benqueridos herdeiros, nunca pensei que acudira tal manada de larpeiros”. Así se recibía aos centos de asistentes á celebración do Luns de Entroido de Veiga no ano 1991, a festa de Entroido máis tradicional e xenuína do Concello de Culleredo.
Estes versos de recibimento aos participantes formaban parte do chamado testamento, un conxunto de coplas satíricas coas que os veciños repasan a actualidade municipal, autonómica, estatal e mundial sen deixar monicreque con cabeza. Non hai máis que ler a continuación desta benvida: "Polo que vexo, este ano, veñen todos disfrazados, uns coa cara tapada, outros de porcos cebados".
Como cada ano, o público que asistirá ao Entroido de Veiga espera ansioso o contido do testamento desta edición. A festa celébrase xunto ao cruceiro de Veiga, enmarcada na Romaría de San Blas, o luns 20 de febreiro a partir das 13.00 horas.
A romaría contará coa actuación da orquestra Xente Nova e a comparsa Parados de Mera, que porá o toque de humor xunto coa lectura do testamento. De 13.00 a 15.00 horas celebrarase o Entroido Xove, con talleres de maquillaxe e de pintado de máscaras e de complementos.
O tradicional Entroido de Veiga foi recuperado en 1984 por un grupo de veciños en colaboración co Concello de Culleredo. Desde entón vén celebrando de forma ininterrompida.
O goberno local anima aos veciños de Culleredo a participar co seu disfrace e o seu bo humor na celebración máis popular do Entroido no municipio.