Culleredo acollerá este verán un evento musical de primeiro nivel, nado e pensado para o municipio. Trátase do Recorda Fest, que hoxe presentaron José Ramón Rioboo, alcalde do municipio, xunto a Penélope López, concelleira de Cultura; Víctor Santana, director do festival, e David Lemos, director comercial de Air CO2.
A cita, de corte indie-pop e que se celebrará os días 8 e 9 de setembro, será o primeiro evento deste tipo con pegada neutra en carbono e iranse desvelando novas confirmacións ao longo das vindeiras semanas, que se sumarán ao nome de Iván Ferreiro, un dos cabezas de cartel.
No que respecta a a pegada neutra de carbono, e en función das emisións de dióxido de carbono emitidas, realizaranse accións que compensen en base aos datos obtidos, por exemplo, plantación de especies arbóreas, o que repercutirá positivamente na contorna de Culleredo.
O recinto situarase no Paseo Marítimo do Burgo e terá un aforo de máis de 10.000 persoas. As entradas, xa á venda nun primeiro termo, están dispoñibles na páxina web recordafest.es a un prezo de 45 euros, cun límite de 500 localidades. O seguinte chanzo, terán un prezo de saída de 50 euros, e así escalonadamente ata chegar aos 65 euros de tope, máis gastos de xestión, cando xa se saiba o cartel ao completo.
Darase a coñecer o próximo artista xa en Semana Santa, e nun formato no que serán os propios músicos os que se irán presentando. É dicir, será o propio Iván Ferreiro quen desvele ao segundo da lista, e así sucesivamente ata completar as dúas xornadas, que se espera, teñan como mínimo 14 artistas, podendo chegar ata 16.
“A idea é situar a Culleredo no mapa de referencia non só autonómico, senón tamén a nivel nacional”, desvelou durante a presentación Víctor Santana, director do evento, quen adiantou que “todos os grupos son do ámbito musical nacional e para todos os públicos, desde o familiar que queira achegarse ás 17:00 horas para escoitar música, ata a cuadrilla de amigas e amigos que queiran gozar tamén de grandes concertos máis tarde”.
O alcalde, José Ramón Rioboo, agradeceu á organización “o pensar no noso municipio para sentar as bases do Recorda Fest, que esperemos teña a súa continuación nos próximos anos e cunha Ría do Burgo xa completamente rexenerada, o que nos fará poder gozar dun formato aínda máis ambicioso”, desvelaba.
“Culleredo albergou, e alberga, citas de primeira orde en materia musical e con este festival, que ademais terá unha pegada neutra en carbono, queremos consolidarnos como unha alternativa plural en canto a estilo e accesible, xa que a contorna ábrenos multitude de posibilidades”, destacou.
Trámites en linea, tablón oficial, carpeta ciudadana...
Emisiones en directo y material audiovisual.
El diseño de esta página web forma parte de las actuaciones de difusión del proyecto DINAMO financiado por el FEDER